CERVO .- A Xunta de Galicia di que potenciará a Mariña de Lugo como microdestino turístico dentro da comunidade galega e redactará un plan de dinamización turística para a comarca entre outras medidas que comunicou a secretaria xeral para o turismo, Carmen Pardo, en Cervo
REFERENCIA
A delegada territorial da Xunta en Lugo e a secretaria xeral para o Turismo reuníronse hoxe cos alcaldes da Mariña lucense para potenciar a zona como microdestino turístico dentro da Comunidade galega
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e a secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, reuníronse cos alcaldes da Mariña lucense para analizar, en base aos estudos existentes de desenvolvemento turístico da zona, o apoio do seu despegue como microdestino turístico destacado dentro do mercado turístico galego.
Entre os compromisos aos que chegaron durante o encontro, destaca a redacción dun plan de dinamización turística para a comarca e a posta en marcha de dous press-trips, un para xornalistas de Madrid e outro de Cataluña, identificadas ambas cidades durante a reunión como destinos emisores de interese para A Mariña.
Volver Imprimir Enviar
Cervo (Lugo), 7 de xaneiro de 2010.- A delegada territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, Raquel Arias, e a secretaria xeral para o turismo, Carmen Pardo, visitaron hoxe a Mariña Lucense para estudar a maneira de apoiar a nivel turístico o despegue desta zona xeográfica da comunidade como microdestino turístico singular e diferenciado dentro do mercado turístico galego.
A delegada territorial, Raquel Arias e a secretaria, Carmen Pardo, reuníronse cos alcaldes da Mariña para analizar, en base ao diagnóstico da Mariña Lucense xa existente, a situación actual da zona e avaliar as accións a executar no curto e medio prazo.
Na reunión estiveron presentes alcaldes e representantes locais da maioría dos 16 concellos da comarca máis setentrional de Galicia, entre os que se atopaban os rexedores de O Vicedo, Xove, Ourol, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Alfoz e A Pontenova.
Da man de Raquel Arias, na reunión que mantivo cos rexedores locais, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, chegou a un acordo de compromiso para redactar un plan de dinamización turística da Mariña Lucense. O plan, que abranguerá unha batería de accións nas que se implicarán diferentes administracións ás que afecta transversalmente o turismo, será deseñado conforme a criterios viables e realistas para a súa execución no medio prazo.
Segundo afirmou Pardo, as accións levarán data de realización así como as fontes de financiamento correspondentes. O obxectivo final é que durante o primeiro semestre do ano estea deseñado o obxecto principal do plan e a execución se realice no segundo semestre do ano.
A secretaria xeral para o Turismo afirmou que A Mariña é xa “un microdestino turístico recoñecido, con moi boa relación calidade prezo, e con certa experiencia adquirida cos Plans de Excelencia e Dinamización Turística dos concellos de Viveiro e Ribadeo“, pero que ten que “mellorar a profesionalización e fortalecer a imaxe de marca para desestacionalizar a demanda e seguir innovando na creación de paquetes e produtos turísticos” .
Ademais Pardo sinalou que a zona “destaca pola súa singularidade paisaxística, resultado dunha agradable combinación entre montaña e costa e que conta con un grande abano de recursos patrimoniais e naturais, o que posibilita unha oferta competitiva rica en calidade e variedade”.
Press trips
O segundo gran acordo ao que se chegou atinxe ás accións de promoción. A Secretaria Xeral para o Turismo financiará dous pres-trips na zona con profesionais dos medios de comunicación: un deles irá dirixido a xornalistas de Madrid e outro de Cataluña, dous destinos que se elixiron de común acordo entre os rexedores locais e autonómicos por tratarse de dous lugares emisores moi interesantes e que contan con gran potencial para apostar nunha primeira instancia a nivel promocional.
Ademais a Secretaría Xeral para o Turismo financiará un total de 10.000 calendarios de eventos da Mariña lucense con motivo de Fitur 2010, a principal feira de turismo de España e unha das primeiras de Europa, que se repartirán durante a celebración da feira, entre o 20 e o 24 de xaneiro en Madrid.