SANTIAGO .- O secretario xeral para o Deporte visitou a Mariña e anunciou investimentos en melloras para a piscina de Cervo, para a construción dunha pista de padel en Barreiros e tamén asistiu ao replanteo das obras do novo campo de fútbol de Burela.
NOTA DE PRENSA
O secretario xeral para o Deporte visitou a Mariña luguesa acompañado da delegada en Lugo da Xunta
A Xunta inviste na mellora da piscina de Cervo e na construción dunha pista de pádel en Barreiros
José Ramón Lete asistiu ao replanteo das obras do novo campo de fútbol da Marrosa en Burela
Santiago, 25 de xaneiro de 2010.- A piscina municipal de Cervo, unha das tres únicas de Galicia de 50 metros de lonxitude, foi mellorada grazas ao investimento da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte.
Logo de varios meses de traballo, as obras de mellora das instalacións, que contan cunha elevada demanda na comarca, foron terminadas recentemente. Esta mañá o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo alcalde de Cervo e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou a instalación.
O rexedor municipal eloxiou a política deportiva da Xunta de Galicia e agradeceu o investimento de 58.000 euros nunha instalación que foi considerablemente mellorada e acondicionada para o desenvolvemento da súa numerosa actividade. O secretario xeral para o Deporte destacou a importancia deste investimento e explicou a política do seu departamento de tratar “de cubrir as demandas dos diferentes concellos da nosa comunidade”.
Pista de padel en Barreiros
Ao investimento en Cervo únese o que realizou a Secretaría Xeral para o Deporte no Concello de Barreiros para a construción dunha pista de padel. unha obra que se inclúe na política da Xunta de Galicia de fomentar a práctica da actividade física.
Unha das principais prioridades da Xunta de Galicia é a crear e apoiar iniciativas que fomenten a práctica da actividade física co obxectivo de prolongar o deporte durante toda a vida. Con esa filosofía o secretario xeral para o Deporte inaugurou hoxe unha pista de padel que facilitará o fomento dos hábitos saudables entre a poboación ao tempo de lograr estender a concepción do exercicio físico como unha ferramenta de saúde.
Na súa visita á Mariña luguesa, o secretario xeral para o Deporte visitou Burela, onde mantivo un encontro co alcalde dese municipio no que falaron de futuros proxectos, así como do estado dos plans de construción do novo campo de fútbol.
O secretario xeral para o Deporte, acompañado polo alcalde de Burela e do portavoz da oposición, tamén asistiu no campo da Marrosa ao acta de replanteo das obras da nova instalación. José Ramón Lete interesouse polo estado do proxecto e comprometeu a súa máxima atención para que o municipio dispoña deste campo canto antes.