Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta di que formalizará prorrogas e acelerará trámites para que os Grumir poidan estar operativos en marzo

LUGO .- A delegada territorial da Xunta afirma que garante que a dotación dos Grumir e que está a acelerar os trámites para poder prorrogar os contratos dos efectivos que integran os Grupos Municipais de Intervención Rápida de xeito que poidan estar operativos no mes de marzo.

Nota de Prensa

A XUNTA ASEGURA QUE FORMALIZARÁ A PRÓRROGA DOS CONTRATOS DOS GRUMIR CON MÁIS CELERIDADE DO QUE SE FIXO EN ANOS ANTERIORES

* A delegada territorial, Raquel Arias, afirma que a Xunta garante que a dotación dos Grumir cumprirá coas demandas da Federación Galega de Municipios e Provincias

Lugo, 14 de xaneiro de 2010.- A Xunta de Galicia está a acelerar os trámites precisos para poder prorrogar os contratos dos efectivos que integran os Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir), de xeito que poidan estar operativos no mes de marzo.

A Xunta lembra que o feito de que se poidan asinar os contratos en marzo implica unha significativa redución do período de interrupción da actividade dos Grumires con respecto ao rexistrado en anos anteriores.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, afirma que a distribución e dotación destes grupos de emerxencia na provincia de Lugo seguirá o modelo de anos anteriores, tal e como comunicou o Executivo galego, atendendo ás demandas da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A delegada lembra que os contratos do Grumir enmárcanse dentro dun programa de fomento do emprego que desenvolve a Consellería de Traballo e Benestar, que pretende mellorar a empregabilidade de traballadores en paro, á vez que permite que os concellos conten cunha infraestrutura básica de resposta ante situacións de emerxencia.

Ao longo do presente ano a Xunta de Galicia e a Fegamp dobrarán o esforzo para dotar a Galicia dun novo sistema profesional de emerxencias, que garanta a atención de todo o territorio nun tempo medio de 20 minutos.

O obxectivo da profesionalización dos servizos de emerxencia recóllese no Pacto Local asinado entre a Xunta e a Fegamp hai catro anos, cuxo texto anuncia a intención de prorrogar a distribución dos Grumir “ata o ano 2007” e estudar “neste tempo unha solución de futuro”. Non obstante, en todos os exercicios seguintes a Fegamp solicitou a prórroga do modelo por un ano máis.

Exit mobile version