Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achega 88.700 euros a concellos e colectivos para gastos de voluntariado

LUGO .- A Consellería de Traballo e Benestar ven de publicar a concesión de 88.709 euros en axudas a diversos concellos e colectivos da provincia de Lugo que desenvolven actividades no eido do voluntariado.

Con esta liña de axudas, a Xunta pretende contribuír a sufragar os gastos correntes que asumen estas entidades para a prestación dos servizos de voluntariado, tales como a contratación laboral de persoal técnico, custos derivados de desprazamentos do persoal voluntario, gastos inherentes ao desenvolvemento do proxecto, formación de persoal técnico ou voluntario, adquisición de material, servizos de comunicación –teléfono, correo…- e os seguros do persoal voluntario.

Esta medida beneficia a 25 asociacións lucenses que traballan en diversos ámbitos, como a atención a persoas con discapacidade intelectual, a promoción e integración das persoas da comunidade xitana, así como entidades dirixidas á mocidade ou á terceira idade, entre outras.

Traballo e Benestar distribuíu en total 60.924 euros entre estes colectivos, que se suman aos 27.785 euros concedidos a 13 concellos da provincia que igualmente presentaron proxectos de voluntariado a desenvolver no seu ámbito de actuación.

Neste caso, os concellos subvencionados son os de Viveiro, Sarria, Guitiriz, O Vicedo, Mondoñedo, Palas de Rei, Lourenzá, Quiroga, Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil, Pol e Lugo.

A achega da Xunta depende do custo do proxecto presentado pola entidade beneficiaria, téndose en conta ademais outros factores como a calidade e coherencia da proposta, ou a importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.

Exit mobile version