Site icon Crónica3.com A Mariña

Á venda as entradas para un concerto solidario con Haití que se celebra o sábado en Burela

BURELA (FNC) .- Xa están á venda as entradas para asistir ao concerto de solidaridade con Haití que organiza o Concello de Burela. Os interesados xa poden adquirilas desde hoxe na biblioteca municipal ou o mesmo día do concerto na Casa da Cultura.

A tenente de alcalde, Neves Cando, sinalou que “Burela váise solidarizar co pobo haitiano asolado polo terremoto que se produciu hai máis de 15 días, e váino facer co concerto solidario no que participarán unha boa mostra dos grupos musicais de Burela. Así contaremos coa banda de gaitas e tambores Dambara, coa Burela Blues Band, con Ledicia, coa Coral Polifónica e coa Banda de Música de Burela. Contabamos coa colaboración de Batuko Tabanka, pero por motivos luctuosos polo falecemento dun membro da comunidade caboverdiana de Burela, as mulleres de Batuko Tabanka non poderán estar en directo neste concerto, pero sí o farán a través dun videoclip pertencente ao disco que acaban de sacara á rúa e que recentemente presentamos no Concello de Burela”.

Neves Cando agradeceu “a todas estas agrupacións a súa colaboración desinteresada e solidaria neste acto que pretende aportar fondos económicos para enviar ao irmán país haitiano. O prezo das entradas é de cinco euros e os que o desexen poden retiralas desde hoxe na biblioteca municipal ou o día do concerto antes do seu inicio”. Cada grupo convidado interpretará tres pezas do seu repertorio e a duración do acto será de pouco máis dunha hora. O concerto será presentado pola xornalista de Telelugo Eva Vázquez.

A edil nacionalista engadiu que “todos os cartos recaudados serán enviados ao Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade do que forma parte o Concello de Burela para canalizar esas axudas institucionais de toda Galicia. Este Fondo Galego ten aberta unha conta de emerxencia para recoller as axudas para o pobo haitiano e calquera que queira facer a súa aportación persoal pode pedir información nas nosas oficinas municipais”. Neves Cando convida a todos os veciños e veciñas de Burela a participar este vindeiro sábado no acto solidario por Haití que dará comezo ás 20:30 horas na Casa da Cultura.

Exit mobile version