VALADOURO .- A Liga Céltica solicita aos alcaldes do val do Ouro que traballen por conseguir plans de emerxencia municipal, analizando os índices de perigosidade e adoptando as medias axeitadas para responder en cada situación.
NOTA DE PRENSA
PLANS DE EMERXENCIA NO VAL, CUESTIÓN DE URXENCIA
Nunca pasa nada ata que pasa. Dito popular.
À atención dos rexedores de ambos os dous concellos do val:
Na nosa bisbarra padecemos unha eiva que pode chegar a pasarnos un altísimo custo, a falta de Plan de Emerxencia Municipal (PEMU) nos dous concellos.
Que é un PEMU? Comézase por indicar os puntos vulnerábeis do concello, é dicir, revelar todos aqueles riscos que poden chegar a ameazar o territorio municipal, tanto de orixe natural como inducidos pola man humana. Daquela, coñecendo os posíbeis riscos, procuraremos as hipotéticas solucións e medios cos que deberiamos contar.
Os sistemas operativos dividiránse en seis grupos de acción: Seguridade, sanidade, rehabilitación, loxística, intervención directa e transmisións. Tanto as accións inmediatas como as accións preventivas irán consonte á listaxe integral de medios e recursos municipais, unha listaxe planificada na que figurarán os recursos dispoñíbeis e máis un protocolo de actuación en caso de emerxencia.
Existen varios índices de perigosidade, no noso país sobrancean pola súa gravidade os asolagamentos e as enxurradas de auga ou lama, e xa dentro dos riscos inducidos polo ser humano, os incendios forestais ou o transporte de mercadorías perigosas. Non debemos esquecer a pantasma sísmica que axexa á Galiza, inda que xa é obxecto dun plan específico autonómico. Lembremos tamén que os PEMU deben ser homologados pola Xunta da Galiza, e que un dos factores que máis dificultan a súa confección é o espallamento da povoación.
Non estamos a demandar os PEMU só por sermos ecoloxistas, senón por riba de todo porque somos cidadáns, porque o noso val está circundado por un perigoso eucaliptal que pode converterse nunha rateira humana ante a ocasional combinación do lume con determinados factores meteorolóxicos (vento forte, etc.), porque temos camións motobomba pero non temos bombeiros, porque en Ferreira xa se teñen producido alarmantes inundacións, porque en Alfoz xa se ten producido un verquido no río por parte dunha madeireira… E porque non fomos alleos ao Hortensia, ao Klaus, aos bidóns do Casón, aos tremores de terra, ás nevaradas que illan as parroquias da montaña… E nin sequera posuímos servizos de megafonía pra avisar á povoación dun perigo inminente.
Dende a Liga ofrecemos a nosa axuda e orientación pra levar adiante este proxecto… Non agardemos á treboada pra lembrarnos de Santa Bárbara.