Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación promocionará os Camiños da provincia co equipo do campión de España de Rally

LUGO .- A xunta de goberno da Deputación aprobou un convenio co Nupel para que o equipo de Sergio Vallejo promocionará os Camiños da provincia de cara ao Xacobeo a través do cal o coche e o material deportivo dos campións de rally de España levarán a marca Km0

Nota de Prensa

A Deputación e o equipo de Sergio Vallejo promocionan os Camiños da provincia de cara ao Xacobeo

– A Xunta de Goberno aproba un convenio co Nupel sen coste a través do cal o coche e o material deportivo dos campións de rally de España levarán a marca Km0

-Antonio Gato anuncia que o organismo provincial participará  no Pleno do Concello de Castro de Rei onde se instará  a Núñez Feijóo a facerse cargo do Hospital de San Rafael tal e como prometera hai máis dun ano durante unha visita a esta localidade

-O Deputado subliña que nun día se doblou o operativo despregado para atender as posibles incidencias nas estradas debido ao temporal de neve

A Xunta de Goberno deste venres aprobou un convenio entre a Deputación e o equipo do campión de rally de España co que se promocionará a provincia de cara a celebración do Xacobeo. Deste xeito, o coche e o material deportivo dos irmáns Vallejo levarán a marca Km0 dando a coñecer o ambicioso programa do organismo provincial. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, salientou que “trátase dun acordo sen coste algún, co que a Deputación dá un paso máis no impulso de Lugo nun ano cheo de oportunidades económicas debido á visita de miles de persoas ao ser Ano Santo”.

O Deputado provincial lembrou que o organismo provincial foi a primeira institución cunha programación estable e previa ao Xacobeo, e destacou que “conscientes de que Lugo é porta cara Santiago ao contar con máis de 800 quilómetros de peregrinación, seguimos, coa axuda do Nupel, levando máis lexos se cabe o nome da nosa provincia”.

O programación de Km0, xunto as modalidades de Km0 a Compostela e Km0 Xtreme, contou durante o 2009 coa participación de 11.000 persoas. Na actualidade xa está cuberto o cupo de praza ata mediados do mes de maio, de tal xeito que en xuño, cando remate a segunda fase, os amigos de Km0 serán xa 22.000.

Entre outros asuntos da orde do día, a Xunta de Goberno tamén acordou un convenio co Concello de Meira dotado de 23.600 euros para a execución dun proxecto de separación de augas limpas do colector de saneamento en varios puntos desta vila.

Pleno Castro de Rei

Gato Soengas anunciou que este sábado a Deputación participará no Pleno do Concello de Castro de Rei no que se aprobará unha proposta para instar ao Presidente da Xunta a facerse cargo do Hospital de San Rafael tal e como se comprometera durante unha visita a esta localidade hai máis dun ano. O titular da área de Cooperación cos Concellos incidou que “Feijóo non cumpre coa palabra dada nin cos veciños de Lugo demostrando que non lle importa a nosa provincia”.

O Deputado lembrou que o titular do Goberno Autonómico ten pendente un encontro co Presidente da Deputación dende o 20 de novembro, data que fixou Núñez Feijóo para tratar, entre outros asuntos, a transferencia dos Hospitais San José e San Rafael. Gato Soengas salientou que “xa pasaron máis de dous meses e Feijóo segue sen dar a cara enviando aos seus escudeiros”.

Neste senso, o voceiro provincial socialista destacou que este luns será finalmente o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, quen manteña un encontro en San Caetano con Gómez Besteiro para abordar o Consorcio de Bombeiros. Gato Soengas explicou que esta cita prodúcese despois do envío de duas cartas e varias chamadas á Xunta por parte da Deputación reclamando a prometida cita co Presidente da Xunta. “Nos fixemos os deberes. Todos os parques de bombeiros están dotados da equitación necesaria para a súa apertura en espera dunha resposta da Xunta, responsable do 50% deste proxecto”.

Da mesma forma, Gato Soengas destacou que a Deputación tamén espera coñecer a postura da Xunta sobre o Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro, unha iniciativa dotada de 11 millóns de euros, que triplicará a capacidade dos 14 centros de recría existentes na Comunidade, e que aforrará cartos aos gandeiros. “A Deputación, malia o silencia da Xunta, fará si ou sí este proxecto”, incidou.

Ao respecto do Plan Extratéxico, o primero estudo que ofrece unha visión real e global de Lugo, o Deputado destacou que xa se lle ofreceu ao Goberno galego en dúas ocasións: no encontro entre Gómez Besteiro e Núñez Feijóo, e a través dunha carta. “Trátase dun Plan complementario ao Plan Impulsa que aforraría cartos. Isto é austeridade, e non a redución de servizos aos veciños” salientou.

Actuacións pola neve

No transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, Antonio Gato fixo balance da situación das estradas da provincia, e deu conta das actuacións levadas a cabo pola Deputación.  “Dende o xoves dobramos o número de operarios que están a traballar nas vías de Lugo superando os 100 operarios, desprazando preto de 80 vehículos especiais, e repartindo máis de 130 toneladas de sal”, destacou.

O organismo provincial está a retirar neve e a distribuir sal nos vias de todos os Concellos lucenses. Da mesma forma, advírtese da necesidade do uso de cadeas nos municipios de Valadouro, Alfoz, Lourenzá, Abadín, Mondoñedo, A Pontenova, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes, As Nogais, Pedrafita, e Courel.

Durante a mañá do venres, a circulación estivo pechada no Ourel onde se desprazaron 5 operarios, e outros 5 vehículos para restablecer o tráfico. Ademais, houbo dificultades na CP 1611 entre Guitiriz e Begonte, e só se producíu un accidente de carácter leve na CP 4102 en Pantón.

Antonio Gato subliñou que a Deputación segue en alerta ante a posibilidade de novos incidentes para o que se conta cun dispositivo formado por 160 vehículos e 110 operarios.

Exit mobile version