Nota de Prensa
A Deputación estuda os danos ocasionados nas estradas provinciais da Mariña afectadas polas choivas
O organismo provincial mantén rutas alternativas sinalizadas en dous treitos das CPs 6604 e 6502 ante o risco de novos desprendementos
A Deputación estuda os danos ocasionados nas estradas provinciais da Mariña debido ao forte temporal de choiva que se rexistrou esta fin de semana. Precisamente, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, ordeou a primeria hora da mañá o desprazamento dos técnicos do servizo de Vías e Obras do organismo provincial á zona para avaliar os desperfectos.
Principalmente, os problemas rexistráronse na CP 6502 de Vilalba por A Balsa a Chavín, e a CP 6604 de Magazos por Figueiras a Cabreiros, ambos os dous viais ao seu paso polo Concello de Viveiro.
No caso da CP 6502, o treito afectado sitúase no punto quilométrico 46, onde os 75 litros de auga por metro cadrado que se chegaron a rexistrar na zona provocaron o deslizamento da ladeira á estrada. No punto quilométrico 0,700 da CP 6604, o peso das bolsas de auga lograron fundir a plataforma do vial.
A Deputación decidiu manter as rutas alternativas debidamente sinalizadas en ambos os dous treitos ante o perigo de novos desprendementos, e para dar comezo
coa máxima axilidade os traballos de mellora. O organismo provincial deberá agora aprobar unha partida presupostaria con carácter de emerxencia para reparar o taude da estrada 6502, e cambiar o trazado da 6604.
Durante a fin de semana, a Deputación estivo en alerta ante o forte temporal que afectou sobre toda á Mariña Occidental e Central, e que provocou asolagamentos que obrigaron a pechar ao tráfico dende o sábado as dúas estradas afectadas.