Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aprobou un plan para potenciar a economía e aumentar a cooperación cos concellos

LUGO .- O pleno da Deputación aprobou o Plan Estratéxico de Subvencións para potenciar a economía e aumentar a cooperación cos concellos. Tamén unha proposta presentada polo equipo de goberno para instar á Xunta de Galicia a apoiar un proxecto de futuro para a planta de Pascual en Outeiro de Rei. Ambas iniciativas contaron coa abstención do PP.

Nota de Prensa

2ª  iniciativa da Deputación para garantir os postos de traballo de Pascual

– O organismo provincial esixe que a Xunta de Galicia apoie o proxecto das cooperativas para garantir a viabilidade da factoría de Outeiro de Rei

– A Deputación aumenta en 2010 o Plan Estratéxico de Subvencións, dotado con preto de 4 millóns de euros, para impulsar a economía da provincia e a cooperación cos Concellos

A Deputación aprobou, coa abstención do Partido Popular, a proposta presentada polo equipo de Goberno para instar á Xunta de Galicia a apoiar un proxecto de futuro para a planta de Pascual en Outeiro de Rei. A postura defendida polo organismo provincial é o proxecto de base cooperativa para a xestión da planta. O Deputado de Gandería, José María Arias, quen actuou de voceiro do equipo de goberno, subliñou que “a Xunta segue agochada e segue sen facer nada por este sector que xera uns 50.000 postos de traballo en Galicia. Seguen coa mesma política dende hai 20 anos, deixando morrer o campo. É o momento de poñer o diñeiro enriba da mesa”.

Esta é  a segunda iniciativa que presenta a Deputación para garantir os postos de traballo da fábrica, xa que no mes de outubro, o Pleno provincial debateu outra proposta que, finalmente, obtivo tamén a abstención do PP, e na que se solicitaba á administración autonómica o apoio necesario a esta alternativa.

En decembro un grupo de 5 pequenas cooperativas encabezadas por Arzuana anunciaban a sinatura dun preacordo de aluguer co Grupo Leite Pascual para a xestión da factoría. Ata ese momento, a opción máis recomendada era a presentada polo grupo Feiraco, xa que integraba 24 cooperativas, entre as que se atopaban as máis importantes de Galicia. Deste xeito, quedaba garantido non só a viabilidade e o futuro da fábrica, senón tamén os postos de traballo cun proxecto que permitiría transformar 500 millóns de litros de leite anuais.

A Deputación tamén lle esixe á Consellería de Medio Rural a que suprima a taxa que quere impoñer ós transportistas de gando pola prestación do servizo de limpeza e desinfección de vehículos para o transporte de gando. O novo imposto entrará en vigo o 1 de febreiro, e oscila entre os 11,87 € para o lavado e desinfección dun vehículo de menos de 4 toneladas e os 25,66 € dun “trailer” de 2 pisos cun  remolque de dous pisos.

“Non teñen ningunha iniciativa seria para o campo, iso sí, son moi adiantados na creación desta taxa que vai a repercutir nos propios gandeiros. Se tiveramos outros gobernantes isto non pasaría. Estanse rindo dos agricultores”, apuntou Arias.

Plan Estratéxico de Subvencións

O Pleno provincial, coa abstención do PP, deu o visto e prace ó Plan Estratéxico de Subvencións co que a Deputación pretende potenciar a economía da provincia e aumentar a cooperación cos Concellos. Ascende a preto de 14 millóns de euros. Isto supón un incremento de case 700.000 euros con respecto ó ano pasado, é dicir, un 4,6% máis. Este aumento tradúcese nunha maior colaboración coas entidades locais e nunha maior potenciación da economía, da cultura, do turismo, así como da actividade deportiva e social da provincia.

É o terceiro Plan que aproba o actual equipo de goberno. Esta iniciativa supuxo un antes e un despois na xestión do gasto público que se facía na Deputación, xa que por primeira vez, as subvencións están destinadas a todos os Concellos e de todas a cores políticas, seguindo criterios obxectivos e transparenstes, nos que priman os principios de publicidade, concurrencia, obxectividade e igualdade. A anterior Corporación tiña un Plan a varios anos no que no proceso de concesión das axudas non especificaba a cuantía das mesmas nin a que se destinaban.

O Plan recolle a planificación realizada por todas as áreas de goberno co obxectivo de coordinar e apoiar a cobertura das necesidades que teñen as entidades locais. Entre as liñas de axudas figuran 2,3 millóns de euros para o Plan de Comunidades Veciñais e 800.000 para o de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes; e 372.000 euros para o fomento de actividades como feiras, desenvolvidas polos municipios e polas Asociacións da provincia. Asimesmo, inclúe por primeira vez unha liña específica, dotada con 300.000 euros, para a promoción e comercialización de produtos autóctonos.

Exit mobile version