LUGO .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, iniciou hoxe na Mariña oriental a rolda de contactos con alcaldes da provincia para explicarlles en detalle os obxectivos, a graduación e o estado actual de desenvolvemento do plan Impulsa Lugo.
Arias aproveitou para pedir a colaboración dos rexedores locais para lograr “que non quede ninguén nos vosos concellos que estea pensando en iniciar unha actividade empresarial sen coñecer estas novas oportunidades que se lles ofrece”.
A delegada sinalou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ten reservados 12,5 millóns de euros para investir nas medidas transitorias postas xa en marcha. Así mesmo, afirmou, “temos preto de 7 millóns de metros cadrados de chan empresarial, listos ou en execución, dispostos para que as empresas se establezan neles”.
Raquel Arias recoñeceu a difícil situación económica da que se parte, pero invitou aos alcaldes a “traballar arreo, entre todos, para volver ás cifras de crecemento anteriores á crise” e “permitir que a nosa economía acelere e se equipare á do eixo atlántico”.
Precisamente porque a situación lucense é especialmente desfavorable, púxose en marcha “este plan que discrimina positivamente á nosa provincia”, indicou a delegada. “Este é o proxecto que Lugo precisaba; por primeira vez se pon enriba da mesa un proxecto firme, dotado económicamente e diferenciado para a nosa provincia, e temos que aproveitalo”, afirmou.
Outras ferramentas de apoio
Ademais das medidas que poidan chegar da man do Impulsa Lugo e “do plan estratéxico, que se adaptará á nova realidade económica que resultará da crise, segundo vaticinan os expertos”, Arias apuntou outras ferramentas promovidas polo goberno da Xunta que axudarán na recuperación económica.
O plan Move, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, “ten deseñado para Lugo un mapa de estradas que mellorará substancialmente as comunicacións na provincia”. Por outra banda, engadiu, “a Secretaría Xeral de Comunicación está a poñer en marcha o plan de banda larga de Galicia, no que Lugo vai ter o peso que merece”.
Á reunión coa delegada territorial asistiron alcaldes e representantes de Barreiros, Foz, Ribadeo, Mondoñedo, A Pontenova, Lourenzá, Alfoz e Trabada. Raquel Arias explicou que non foi casual a elección da Mariña como primeira sede dos encontros do plan de comunicación Impulsa Lugo, senón debida a que “confiamos nesta zona porque é unha das de maior potencialidade da provincia”. A segunda reunión prevista desenvolverase a próxima semana cos alcaldes da Mariña occidental.
A delegada incidiu na importancia que terá a implicación dos gobernos locais –“o primeiro referente dos empresarios”- para o éxito do plan Impulsa Lugo, e explicou que, “á marxe da fonte de novos negocios que abre a rede de internet, sen dúbida a localización da empresa segue a ser un dos elementos clave que fan que o negocio perdure”.