CERVO .- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou hoxe na súa visita ao Concello de Cervo o compromiso da Xunta de Galicia en construír en San Cibrao un edificio no que se integrarán unha residencia para maiores de 54 prazas e un centro de día con capacidade para 25 persoas.
A conselleira indicou que a Xunta de Galicia xa ten disposto o financiamento para a elaboración do proxecto desta nova infraestrutura “e posteriormente o que faremos é estudar unha estrutura de financiamento para levar adiante a súa construción a ser posible antes de que remate este ano” asegurou Mato, quen cualificou esta obra de “moi necesaria non só para Cervo, se non tamén para o conxunto da Mariña”.
Esta nova residencia ten un presuposto de execución inicialmente previsto de 1.996.000 euros. O proxecto (en fase inicial e aínda suceptible de trocos) prevé a construción do inmoble nun terreo de 2.830 metros cadrados de titularidade municipal situado na zona da Veiga, entre o pavillón de deportes e o estadio municipal. Terá unha superficie total construída de 8.432 metros cadrados distribuídos en cinco andares: semisoto, planta baixa e tres plantas altas (nas que irán destinadas á área habitacional da residencia.
Na planta baixa situarase a entrada principal e os servizos administrativos do centro, así como a zona de consulta médica e de rehabilitación, ademais dunha pequena zona de servizos e unha sala de actividades varias destinada ao centro de día. No semisoto irán colocados os distintos departamentos de servizos da residencia (cociña, lavandería, almacéns, vestiarios de persoal, etc…). O semisoto tamén se destinará para ubicar na súa parte traseira o comedor e a sala de estar común, os cales terán acceso a un xardín e a unha área de esparexemento.
En cada unha das tres plantas altas, de carácter residencial, distribuiranse oito habitacións dobres e dúas individuais, ademais dunha zona de estar comedor, a enfermería e zonas de control, aseos, e servizos.
No concello de Cervo existen actualmente un total de 1.193 residentes maiores de 60 anos, potenciais usuarios deste servizo.
Compromiso cumprido
O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, amosouse ledo porque “despois de ter soportado catro anos infrutuosos reivindicando diante dos anteriores responsables da Xunta a necesidade de crear unha residencia e un centro de apoio para os nosos maiores, bastounos menos dun ano para chegar a un acordo cos actuais responsables autonómicos nesta materia” subliñou o rexedor.
Villares dixo tamén que despois deste anuncio oficial o Goberno local ten pensado facer unha presentación pública do proxecto “para que todos os veciños e veciñas do termo municipal podan ver a maqueta do edificio e podan informarse das peculiaridades desta nova infraestrutura asistencial, a cal era un compromiso que levabamos no noso programa electoral e que en pouco tempo pasará a converterse nunha realidade” asegurou.
Obradoiro de Emprego
Durante a súa estadía no Concello a Conselleira de Traballo e Benestar tivo tamén a oportunidade de escoitar as necesidades do Concello de Cervo en materia asistencia e de traballo. Neste senso o rexedor municipal transmitiulle á responsable autonómica a preocupación do equipo de Goberno local polo problema do desemprego e solicitoulle medidas “que contribúan a paliar esta lacra”. Sobre este particular a conselleira comprometeu o seu apoio “con medidas para tentar minguar esta situación” e anunciou que dende a Consellería de Traballo e Benestar estase a analizar a posibilidade de que Cervo poda contar cun Obradoiro de Emprego no presente ano 2010.