Site icon Crónica3.com A Mariña

A banda de música de Burela inclúe no concerto de ano novo pezas tradicionais vascas na versión do grupo Oskorri

Compoñentes da banda de musica de Burela nunha actuación da BurelaBluesBand

BURELA (FNC) .- A Banda de Música de Burela dará o seu tradicional concerto de ano novo mañá venres, 8 de xaneiro, ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura. Vai interpretar obras orixinais para banda, tanto de concerto como pasodobres e xotas do repertorio galego e tamén soará un arranxo de pezas tradicionais vascas na versión do grupo folk Oskorri.

A concelleira de Educación, Lucía Bouza, sinalou que “o concerto preséntase con dúas novidades. Os seus componentes estrearán os novos traxes adquiridos para a Banda de Música, eran unha necesidade importante porque se viñeron incorporando moitos músicos e estaban sen indumentaria. A segunda novidade é que debutará un novo músico, chámase Andrés Andrade e toca o saxo alto”.

A edil socialista agradeceu “a colaboración, o esforzo e o traballo que veu realizando no 2009 a recentemente creada Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela, e queremos desexarlles moita sorte nesta nova andadura que van ter, posto que acabamos de asinar un convenio con esta asociación para que se encargue da xestión da banda. Deséxolles moita sorte para que a banda funcione cada vez mellor”.

Exit mobile version