Site icon Crónica3.com A Mariña

Tempo de Nadal

Na espiral do tempo a tradición segue marcando ciclos, celebrados con festas que tiveron unha orixe agraria. O Nadal é pois unha festa estacional de inverno. Auga, lume do sol, terra e aire, de sempre foron considerados os principios da vida. Os catro elementos, en relación coas catro estacións do ano, fan posible que todo viva, medre e morra: da semente agroma unha planta que producirá flores, froitos e estes novamente semente, e que no outono ponse murcha, seca e morre; pero volverá a agromar a semente….

O Nadal, tempo de neves, pecha e abre o novo renacer. No 21 de decembro acontece o solsticio de inverno, nova declinación do sol, a noite mais longa do ano, o día mais curto. Nas casas artéllanse proxectos de anovación en todas as ordes, mais aínda no pasado cando as casas significaban tanto, o necesario refuxio para a invernía, sen outros medios de diversión que a conversa, os cantares e os contos ó lume da lareira. A parroquia era o lugar de encontro para calquera acontecemento; as campás da parroquia eran como a voz comunal, pregoaban as ledicias e as mágoas.

O ciclo, ese milagre que supón a vida-morte-vida, o paso obrigado polas catro estacións do ano, foi celebrado sempre con fitos que son festas. Cada relixión apoderouse de vellas costumes, asimilounas e reconverteunas, pero tamén puxo os seus argumentos e outros novos símbolos. Cada época vai deixando algo de si neste herdo que ven do pasado, pasa por nós e continúa para o futuro….

A Igrexa acólleo e protagonizou a significación destas festas mais antigas no chamado duodenario místico, eses doce días dende Noiteboa a Reis, o tempo de Nadal, tan cargado de senso relixioso, onde fundamentalmente se celebra o nacemento e a familia. Ese sentir do Nadal espallouse pola cristiandade, trasladando as datas do nacemento de Cristo a este período de tempo que pecha e abre o ciclo anual do almanaque : Noiteboa, Nadal, Santos Inocentes, San Silvestre, Aninovo e Reis.

Na Noiteboa as familias xúntanse na casa materna, prepárase a mesa como sacro altar de encontro, e en moitos lugares do rural deixase valeira unha cadeira e un prato en lembranza e agasallo dos defuntos ou dos que non están porque andan polos camiños da emigración. Por eso a Noiteboa ten connotacións de ledicia, e tamén de fondas nostalxias.

O día 28 dos Santos Inocentes tense unha especial lembranza dos nenos mártires mandados asasinar por Herodes cando busca ó Neno Xesús. Para o día das pegotas, tamén chamado, hai unha lenda moi xeralizada en Galicia relativa ó rei Herodes que, ordeando ós sicarios buscar ó Neno Xesús, estes preguntáronlle a un paxaro paspallás, mal visto na tradición popular, que lles contestou : Chás, chás, por aquí ben vas….

Mais abaixo un paxariño gorrón, cambioulle-la ruta, dicindo : tin, tin, por aquí nono vin….

A noite de San Silvestre, ou Aninovo, estivo chea de vellas resoancias en parte xa perdidas, pois houbo fogueiras e ritos como os do San Xoán. Preparábase o lume e danzábase ó seu derredor; queimábase un monicreque chamado ano vello vestindo outro de ano novo, que mozos e mozas guindaban entre eles. O dito San Silvestre, meigas fora ten que ver con estas prácticas.

E remata o ciclo coa festa dos Reis Magos. Na súa véspera grupos de nenos/as cantan vilancicos. Volta a ser unha xornada de reunión familiar, de intercambio de regalos; o xantar e a cea convocará a todos arredor da mesa, será a despedida do tempo de Nadal. Existe a tradición de que pola noite chegan os Reis con agasallos. Acéndese a ilusión dos nenos e a Cabalgata protagoniza a noite máxica da chegada das Súas Maxestades.

Exit mobile version