Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo o PP os orzamentos da Xunta garanten o futuro do mundo do mar

NOTA DE PRENSA:

As emendas da oposición ao estado de gastos da Consellería do Mar pretenden recuperar a errada política do bipartito que contribuíu a afundir ao mundo da pesca, do marisqueo e da acuicultura nunha profunda crise

O GRUPO POPULAR SALIENTA QUE OS ORZAMENTOS DA XUNTA SERVIRÁN COMO PUNTO DE APOIO PARA GARANTIR O FUTURO DO MUNDO DO MAR NOS EIXES ECONÓMICO, SOCIAL E MEDIOAMBIENTAL

* Balseiro Orol: “Hoxe hai un Goberno disposto a non cometer os mesmos erros ca no pasado. Cando se lles escatimou aos profesionais do mundo do mar nas épocas de bonanza económica, os recursos para asentar o despegue da súa competitividade”

Santiago, 16 de decembro de 2009.- O Grupo Parlamentario Popular de Galicia salientou esta tarde, no Pleno do Parlamento, que os Orzamentos da Xunta para 2010 servirán como punto de apoio para garantir o futuro do mundo do mar nos eixes económico, social e medioambiental. Os recursos que o Goberno galego destina para as políticas en materia de pesca, marisqueo e acuicultura aumentan con respecto ao previsto no 2009 superando os 221,7 millóns de euros. A achega de investimentos para a Consellería do Mar crece nun 7% mentres que as contas da Xunta no seu cómputo global redúcense nun punto porcentual. Esta “aposta decidida do Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo polo mundo do mar” contrasta co acontecido no pasado xa que o bipartito non so diminuíu ano tras ano os recursos dispoñibles da desaparecida Consellería de Pesca senón que incluso chegou a non executar máis da metade do orzamento comprometido neste departamento ao longo da pasada lexislatura.

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Balseiro Orol, salientou que “hoxe hai un Goberno disposto a non cometer os mesmos erros ca no pasado. Cando se lles escatimou aos profesionais do mundo do mar nas épocas de bonanza económica, os recursos para asentar o despegue da súa competitividade”. E rexeitou as emendas presentadas polos grupos da oposición porque pretenden recuperar a errada política do bipartito que contribuíu a afundir ao mundo da pesca, do marisqueo e da acuicultura nunha profunda crise.

Balseiro quixo subliñar o traballo feito polo equipo que lidera a conselleira Rosa Quintana que soubo conxugar a necesaria austeridade, co investimento naquelas áreas de interese prioritario para o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola. Así por exemplo crece nun 75% o investimento nos medios aéreos do Servizo de Gardacostas de Galicia e nun 18% os recursos destinados aos medios navais. O Goberno cumpre así a súa promesa de garantir, reforzando a tripulación dos helicópteros de emerxencia, a súa operatividade as 24 horas do día os 365 días ao ano.

Outras partidas dignas de mención son as referidas ás axudas socioeconómicas dirixidas aos profesionais do mundo do mar. Mentres que co bipartito estas contías baixaron un 52,7 % no último orzamento, para 2010 o PP as elevará un 851%, ao pasar de 1,2 millóns de euros a 10,9 millóns de euros. O compromiso de austeridade do Partido Popular na Consellería do Mar ten o seu reflexo na redución en máis dun 27% dos gastos do persoal de Gabinete e nun 13,1% nos gastos de publicidade e propaganda.

EMENDAS DA OPOSICIÓN

Segundo o voceiro do Mar dos populares, o bipartito foi pouco serio coa política de gasto desenvolvida ao longo da pasada lexislatura e continúan a ser pouco serios agora na oposición en gran parte das emendas que pretenden incorporar.

Así por exemplo o PSOE esixía máis dun millón de euros para o seguro do mal tempo, pese a ser conscientes de que estas cantidades nunca se executarán, polo que supón detraer recursos para outras prioridades, cando a principal debera ser facer deste seguro un instrumento máis útil e beneficioso para as xentes do mundo do mar, tarefa na que está a traballar na actualidade a Consellería. Os socialistas tamén pretenden pola vía das emendas recuperar un chiringuito, a Axencia de Sostibilidade da Costa, suprimido pola nova lei de pesca ao entender que supoñía duplicar estruturas administrativas e gastos, pois o esforzo polo desenvolvemento das cidades e vilas pesqueiras debe ser o traballo do conxunto da administración e nun dun chiringuito concreto. Sorprende tamén que agora o PSOE reclama máis de 500 mil euros para a promoción dos produtos da pesca, despois de que a pasada lexislatura non se fixera nada neste sentido e incluso se amparara a inclusión de peixe foráneo coma o panga en menús de hospitais, colexios e centros públicos de competencia da Xunta, e todo iso a pesar da competencia desleal que este peixe e outros está a provocar con respecto ao capturado pola flota galega, con moitas máis garantías hixiénicas e nutricionais. Ou tamén sorprende que reclamen tres millóns de euros para acuicultura despois de catro anos de parálise nos que o bipartito non foi quen de impulsar un só proxecto novo de acuicultura, a diferenza do acontecido nos primeiros días de Goberno do PP, nos que o plan acuícola foi desbloqueado.

No que atinxe as emendas do BNG, o voceiro do Mar do Partido Popular constata que os nacionalistas parecen arrepentirse do acontecido nos catro últimos anos de complicidade coa mala xestión da Consellería de Pesca e, a través das súas emendas poñen de relevo as carencias da anterior Xunta. Chegan incluso a reclamar que o novo Goberno destine recursos a completar as embarcacións de salvamento dos portos de Aguiño e A Garda, algo que correspondería facelo ao Estado ou, para investigación oceanográfico e hidrográfica, competencias que non foron transferidas á Xunta, e que o BNG non negociou pese a ter a responsabilidade de relacións institucionais. Polo tanto, non ten sentido desvíe recursos nas contas da Xunta para 2010, en ámbitos que non son da súa competencia.

Exit mobile version