COMPOSTELA . Segundo ADEGA, a consellería do Mar vai modificar o Plano Galego de Acuicultura aprobado polo bipartito en 2008, para mudar o réxime de acceso á propiedade dos terreos. Se no plano do bipartito, as terras eran de propiedade pública cedidas por concesión temporal, coa modificación que a Xunta pretende introducir déixase nas mans das empresas a merca dos terreos. Iso sí, a administración segue podendo expropiar “se así fose necesario” cando as empresas non poidan facerse coas terras. Isto é: se os veciños non queren vender ao prezo que lle marquen as empresas, a administración expropiarallas para cederllas a aquelas. Mais o sorprendente é que esta modificación afecta ao Plano Acuícola do bipartito, sobre o que o TSXG na sentenza do contencioso de Touriñán, advertíu da súa nulidade por “defecto de procedemento”. Cal é entón o Plano Acuícola vixente? A que está xogando Feijóo? Vaites coa seguridade xurídica!
Despois do parto dos montes do Plano Acuícola, o anuncio de paralización e as promesas eleitorais do PP ás plataformas de revisar as ubicacións, agora resulta que Feijóo dá por boa a planificación do bipartito!!! … agás a cuestión da propiedade das terras. Semella que o único que lle interesa á Xunta é deixar as mans libres ás empresas para arramplar co millor da nosa costa e atropelar impunemente os dereitos dos propietarios e da cidadanía.
Falaron tamén o Sr. Feijóo e a Sra. Quintana de dar seguridade xurídica e apoiar ao sector, mais a modificación que agora propoñen engade novas incertidumes sobre a legalidade da planificación acuícola, tanto a feita polo bipartito como a de Fraga, cuestionadas ambas polo TSXG nas recentes sentenzas de Touriñán e Rinlo.
Así as cousas, e á vista do contido da modificación que está a tramitar a consellaría do Mar, cabe preguntarse:
CAL É O PLANO ACUÍCOLA VIXENTE?
Piscifatoría de Cabo Vilán, Camariñas. Amplía!Dende o ponto de vista de ADEGA caben dúas interpretacións:
-Se a sentenza de Touriñán-Pescanova anula o acordo do consello da Xunta polo que se inicia a revisión do Plano, e portanto, anúlase tamén o acto que del se deriva que é o Plano Acuicola revisado (bipartito), o plano actualmente vixente sería o Plano do Sr. López Veiga, aprobado en xullo de 2005.
-A sentenza de Touriñán-Pescanova anula o acordo do Consello da Xunta polo que acorda a revisión do Plano. Agora ben, con independencia deste acordo, o Plano revisado (bipartito) foi sometido a un trámite de aprobación totalmente novo que bastaría, por si mesmo, para darlle validez, como se dun novo se tratara. Deste xeito, ficaría en vigor o Plano Acuícola do bipartito.
Destas dúas posíbeis interpretacións, e á vista da modificación que propón agora a Xunta, semella que Feijóo aposta pola segunda, dándolle validez ao plano do bipartito. En consecuencia, tanto as localizacións das fábricas de peixe como os criterios (menor afección á Rede Natura, etc.) serían as que aprobou o bipartito, e Touriñan estaría fóra… ou non, como logo veremos. En esencia, o PP só mudaría o xeito de adquisición das terras: de concesión pública a propiedade das empresas, que é a modificación que se pretende introducir agora.
E se esta é a interpretación que fai a Xunta, por que non ten incluído nesta modificación a anunciada supresión das ubicacións de Merexo, Xandriña, Seiruga e Laxe Brava, repetidamente vendidas ás plataformas durante a campaña eleitoral? Na nosa opinión, probablemente Feijóo non atopou argumentos coerentes cos que excluir esas ubicacións e manter outras en igual situación. Estas chafalladas e falla de coerencia que está a amosar a actual Xunta, si que poderían dar lugar a inseguridades xurídicas, que os tribunais terían dificultades en poder casar.