RIBADEO (FNC) .- O vindeiro xoves 17 de decembro terá lugar unha xuntanza da Axenda 21 Escolar na que se fará unha avaliación do primeiro trismestre deste curso 2009-2010. Nese encontro o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, aproveitará para facer entrega aos centros de ensino da guía de boas prácticas ambientais editada polo núcleo de sostibilidade. Repartiránse un total de 1.000 cds entre alumnos e profesores.
O edil nacionalista sinalou que “esa guía inclúe información referente a un bó comportamento ambiental. Nela aparecen recomendacións para conquerir un maior aforro enerxético e sobre todo no que fai alusión á iluminación, á climatización e tamén aos equipos informáticos”.
Horacio Cupeiro explicou que “algunhas das recomendacións que lles damos a alumnos, profesores e tamén á cidadanía é que se deben comprar lámparas de baixo consumo ou halóxenas, que producen un aforro enerxético do 80%, así como non apagar nin incender con frecuencia os tubos fluorescentes, xa que no momento do arranque é cando máis consumen. Tamén é recomendable aproveitar sempre a luz natural e apagar as luces que non sexan necesarias e así en lugares coma os servizos poderíamos utilizar interruptores temporizados e manter limpas as lámparas posto que o polvo impediría a súa luminosidade”.
O responsable de Medio Ambiente relatou que “na guía tamén se fai fincapé en que debemos usar o aire acondicionado só cando sexa necesario, encendelo só media hora antes de ocupar o local que vamos a usar, comprobar que as portas e as ventás estean pechadas, apagar os sistemas cando se desocupa a sala e facer un mantemento da instalación para sacarlle un maior rendemento”.
E polo que se refire aos equipos informáticos Cupeiro indicou que “debemos configuralos para que vaian á opción de aforro enerxético, debemos apagalos todos cando concluamos os nosos traballos, comprar monitores de pantalla plana xa que consumen menos enerxía e emiten menos radiacións e considerar o consumo de enerxía coma un argumento de compra, xa que con todo esto conseguiremos a reducción da tarifa eléctrica que é do que realmente se trata”.