BURELA (FNC) .- Alumnos e alumnas da Escola de Música Municipal de Burela viaxarán a Santiago de Compostela mañá martes 22 de decembro para participar no festival de Nadal de Estudio-Escola de Música, que terá lugar no Auditorio da aula sociocultural de Caixa Galicia, en Carreira do Conde, nº 19, ás 19:00 horas, segundo informa a concelleira de Educación, Lucía Bouza.
A edil socialista sinalou esta mañá que “a Escola de Música de Burela foi convidada a participar neste festival por Estudio-Escola de Santiago de Compostela, dada a estreita relación que ambos centros manteñen desde que se organizan os seminarios de jazz e música moderna en Burela”.
Lucía Bouza dixo que “os rapaces terán a oportunidade de tocar coa Orquestra Xuvenil de Estudio-Escola, dirixida por José Nine, quen xa participou nos dous seminarios de jazz que tiveron lugar en Burela, e que o pasado sábado se desprazou ata Burela con algúns rapaces de Compostela para realizar un ensaio conxunto. Nesta actividade participarán principalmente alumnos que están no grupo de jazz da Escola de Música, aínda que tamén se sumaron outros rapaces, dado o interese que supón para eles viaxar a Compostela para tocar con outros rapaces e outros profesores”.