ALFOZ / FERREIRA .- A asociación Liga Céltiga Galaica (LCG) propón “aos dous concellos do val, Alfoz e Ferreira, a creación dunha zona wifi xeral” co fin de que “a totalidade do territorio valeco sexa zona wifi, como xa acontece noutros municipios”.
Nota de Prensa
Dende a LIGA CÉLTIGA GALAICA da bisbarra do Valadouro queremos propór aos dous concellos do val (Alfoz e Ferreira) a creación dunha zona wifi xeral, é dicir que a totalidade do territorio valeco sexa zona wifi, como xa acontece noutros municipios. A devandita petición facémola dende a nosa publicación mensal de carácter local O Prado das Chantas, toda a info atópase no arquivo adxunto, no artigo titulado “Wifi no val, é doado”.
Referencia de O Prado das Chantas
WIFI NO VAL, É DOADO
Señores rexedores-responsábeis de ambos os dous concellos do val, formacións políticas e
colectivos sociais:
Pregamos se fagan eco da seguinte proposta da Liga Céltiga Galaica. Non é peado que a Rede
(Internet) chegue aos fogares todos da nosa bisbarra, propoñemos a creación dunha zona wifi (rede
inalámbrica) xeral e valeca, a cal nos mergullará de vez no eido da tecnoloxía e as comunicacións
actuais, coas comodidades (trámites sanitarios, censuais, laborais, papelame administrativa en xeral,
procura de información, contacto permanente co noso círculo social..) que isto conleva.
Estamos a falar da instalación nos concellos da bisbarra do Valadouro dunha rede wifi libre, neutral e
independente, (previa petición de licenza a Retegal) grazas á cal a veciñanza accederá de balde á
Rede dende as súas casas, só terá que mercar un router e máis unha antena, o custo deste
investimento familiar será inferior a cen euros.
Trátase dun proxecto que xa se levou a cabo en concellos como A Estrada e que está en estudo en
moitos outros, nomeadamente naqueles nos que a dispersión demográfica, a orografía (parroquias de
montaña) e a dimensión xeográfica (grande número de núcleos, poboamento moi desigual…) non
favorecen o aproveitamento real e a utilización dos centros sociais e/ou telecentros por parte dos
veciños, como acontece nos casos dos concellos de Alfoz e Ferreira.
Debemos ter en conta que nas actuais sociedades avanzadas, non poucas persoas traballan dende a
casa através da Rede, isto contribúe notabelmente á fixación de poboación no rural e máis á atracción
á campiña de urbanitas abafados na procura dunha existencia máis verde.
Estes proxectos contan con numerosas axudas das institucións comunitarias, estatais e nacionais,
polo que non suporá un grande esforzo eonómico praos nosos concellos, e a poboación valeca verase
grandemente beneficiada dun servizo que precisa pra encarar o futuro con seguranza e decisión,
un servizo que máis ca preciso, é imprescindíbel.
Sres. rexedores: Poden atopar máis información encol disto en guifi.net