A MARIÑA .- Portos de Galicia anuncia que fará un estudo completo do porto de Bares, desde a súa perspectiva construtiva, patrimonial, arquitetonica e medioambiental co fin de facer unha investigación para a posta en valor, restauración e adecuación desta histórica instalación portuaria.
REFERENCIA
Portos de Galicia fará un estudo completo do histórico porto de bares co fin de poñer en valor e restaurar esta antiga instalación portuaria
Santiago, 5 de decembro de 2009.- Portos de Galicia fará un estudo completo do porto de Bares, desde a súa perspectiva construtiva, patrimonial, arquitetonica e medioambiental co fin de facer unha investigación para a posta en valor, restauración e adecuación desta histórica instalación portuaria.
Dentro da liña estratéxica de Portos de Galicia para poñer en valor o patrimonio portuario e mariñeiro foron seleccionadas unha serie de instalacións portuarias que polas súas características teñen un gran valor histórico e patrimonial. Unha das mais importantes é a do porto de Bares, denominado tamén “Coído de Bares”, cuxo orixe é romano aínda que probablemente incluso puidera ser un antigo porto fenicio e, sen dúbida, un dos máis antigos de Europa aínda en funcionamento.
O estudo basearase no interese de conservar o Coído e recuperar o porto e a praia mediante a formulación de novos usos e a integración coa súa historia, co núcleo poblacional de Bares e co entorno da península de Estaca de Bares e a ría do Barqueiro. Trátase en definitiva de conservar e valorizar o patrimonio cultural e natural de Galicia e conseguir un mellor coñecemento e difusión deste porto e o seu entorno.
Denomínase Coído de Bares, polos bolos o “coídos”, elementos esferoidais que se crean na masa granítica e que despois, polo paso do tempo e a erosión, pasaron á superficie e se utilizaron para a construción do porto. Este vello porto ten unha posición privilexiada respecto das grandes rutas de navegación. Ademais, a situación da instalación portuaria na bocana da ría foi básica para que ao longo do tempo fora considerado como un porto de refuxio.
O porto de Bares, emprazado nunha zona moi dura da costa, leva vinteún séculos protexendo aos navegantes e, por iso, Portos de Galicia considera importante facer un esforzo de investigación, investimento e posta en valor desde a perspectiva patrimonial do porto de Bares