Site icon Crónica3.com A Mariña

O plan de ordenación municipal cumpre as expectativas marcadas, asegura o alcalde de Burela

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, di que o plan xeral de ordenación municipal está a cumprir coas expectativas marcadas no seu día. Concelleiros das tres formacións políticas, técnicos e veciños asistiron esta tarde a unha xuntanza con OTEA, a empresa redactora.

Llano indicou que “os técnicos de OTEA fixeron unha exposició global diante dos concelleiros dos tres grupos políticos, do arquitecto técnico e do encargado de obras e servizos, así como dos veciños de Burela representados polo Vencello. Deron a coñecer o primeiro borrador do PXOM, vimos como se está a desenvolver e que cumpre coas expectativas. Fixeron unha exposición moi clara e moi aberta e vese que está a coller moi forma dito plan, e así queda plasmado na planimetría. Pódense ver as zonas industriais, as zonas urbanizables e as urbanas, ademais de ir gañando espazos naquelas afectacións das que xa falamos de Costas, de Feve, pola nova autovía, e tamén tenta aproveitar o mellor posible o noso espacio, o que nos vai servir para o noso desenvolvemento e facelo dun xeito responsable tentando contentar a todos os veciños de Burela, que eso é o importante”.

O rexedor engadiu que “esta empresa está traballando ben para tratar que o PXOM sexa un exemplo claro de como se deben facer as cousas. Quedamos para un novo encontro que tería lugar a partires do 15 de xaneiro xa cunha planimetría máis definitiva, antes de mandar á Xunta de Galicia para a súa información. Dito proceso levaralle como catro ou cinco meses á administración autonómica e unha vez que teñamos as súas indicacións empezaremos coa información pública para que os veciños poidan aportar todo aquelo que consideren oportuno e que beneficie ao plan xeral. Quedamos xa no 2010 e agardamos que o PXOM beneficie moito ao noso Concello e a todos os veciños”.

Exit mobile version