SANTIAGO .- A directora de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, María Nieves Domínguez González, sinalou hoxe, na Comisión 5ª de Sanidade, en referencia á atención sanitaria prestada en Foz, que a poboación deste concello dispón dunha adecuada cobertura das necesidades asistenciais no ámbito da atención primaria, caracterizándose pola equidade no acceso e polo equilibrio nas isocronas dende os distintos lugares do concello aos puntos de atención sanitaria de ámbito primario, sexa esta atención ordinaria, no centro de saúde da vila, ou atención non ordinaria no PAC de Burela (de carácter urxente).
Así mesmo, a representante da sanidade pública galega subliñou que o concello de Foz ten concedido, por distintos acordos, un médico de urxencias fóra do cadro de persoal do PAC correspondente, de 15 a 22 horas, pola semana, e un enfermeiro de apoio os domingos e festivos pola mañá, de 8 a 15.
Ademais, a poboación de Foz ten unha isocrona media de 14 minutos respecto do PAC, localizado nos espazos do Hospital da Costa, onde se dispón de maior capacidade resolutiva. Tres parroquias de Foz están máis preto do Hospital de Burela que do núcleo do concello.
Para rematar a súa intervención anunciou que o Sergas está a valorar poñer en marcha unha ambulancia medicalizada ou sanitarizada en Foz, “para dar un plus na calidade asistencial que se presta neste concello”.