RIBADEO (FNC) .- O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, asegura que traballando cos nenos no futuro serán persoas que respecten o medio que os rodea. Onte celebróuse unha xuntanza para avaliar a marcha durante este primeiro trimestre do curso 2009-2010 da Axenda 21 Escolar.
O edil nacionalista explicou que “tivemos unha xuntanza na que participaron os centros Gregorio Sanz, Gamallo Fierros e Porta da Auga xunto con representantes da Consellería de Medio Ambiente para analizar a marcha da Axenda 21 Escolar. Tamén estivo o técnico de sostibilidade e eu mesmo”.
Cupeiro puntualiza que “esta axenda é algo voluntario e é tamén un compromiso que tiñamos desde o núcleo de sostibilidade debido aos problemas medio ambientais que acontecen a día de hoxe no planeta. Entendemos que traballando cos nenos desde o coñecemento, desde a conciencia e desde as formas de actuar no futuro serán persoas respectables co medio que os rodea. Trátase de facelo de forma voluntaria porque si se fixese á forza só duraría durante o momento no que os presionamos”.
O responsable de Medio Ambiente entende que “o profesorado, a comunidade educativa, pais, nais e todas as persoas que traballan nos centros deben implicarse tamén no desenvolvemento da Axenda 21 Escolar. Desde os acordos de Río de Xaneiro do 92 se entende que estamos a poñer en perigo o desenvolvemento das futuras xeracións, polo que debemos de cambiar o modelo de consumo e producción e facer un deseño da economía sostible xa que a natureza é máis fráxil do que se pensaba. Non é aquel sumidoiro que o tragaba todo e así nos da mostras día a día coa aparición de enfermidades novas, aumento de contaminación atmosférica en ríos, mares e terra. Ou cambiamos ou iremos á desaparición da vida no planeta”.