Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP vota en contra dos intereses de Xove no Parlamento galego, asegura o BNG

Nota de Prensa

O PP vota en contra dos intereses de Xove no Parlamento galego

O grupo parlamentar do Partido Popular non aprobou ningunha das emendas aos orzamentos presentadas para o beneficio dos xovenses polo Bloque Nacionalista Galego.

Marco López, responsábel local do BNG de Xove, manifestou no día de onte “unha fonda decepción” despois de que o PP rexeitara coa súa escasa maioría absoluta todas as emendas presentadas polo grupo parlamentar do BNG aos Presupostos Xerais do noso país para o vindeiro ano 2010.

Na votación realizada polo Pleno do Parlamento de Galiza rematou a tramitación das contas públicas galegas do próximo exercicio e, con ela, morreu tamén a proposta de construción de Vivendas con Protección Pública en Xove (orzamendada en 300.000 €), o desenvolvemento do  Roteiro dos Muíños (cun presuposto de 80.000 €), o apoio á Comunidade de Montes de Laxamoura (San Isidoro de Monte) iniciado polo ex conselleiro Alfredo Suárez Canal e mais a redacción do proxecto do cinto industrial de Alcoa (esta última solicitada en común por Xove e Cervo, e cun orzamento estimado de 300.000 €).

O cargo orgánico do Bloque xovense opinou que, no seu entender, está clara a razón da votación contraria ao progreso do municipio: “O PP pensa que en Xove teñen un celeiro de votos que non move nin o vento do Klaus”, aseverou López, “e iso é moi perigoso para os intereses do noso Concello”.

A formación nacionalista, por boca do seu responsábel local, preguntouse se este é o famoso “plan de choque” pregoado polo PP na campaña electoral para combater os problemas laborais e de desemprego: “A fachenda non crea benestar”, sentenciou Marco López.

Por último, o nacionalista manifestou que coa aplicación das políticas que está a levar a cabo a nova Xunta, coa conivencia do goberno municipal de Xove, o chan real da crise no Concello “aínda está por vir”, dado que os recortes no investimento público “frean a capacidade de desenvolvemento económico” e, polo tanto, “afondan na destrución de postos de traballo en toda a Mariña”.

Exit mobile version