Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP non desmente que aumenta a espera no Hospital da Costa e di que “o bipartito privaba de asistencia sanitaria a 4.297 mariñaos”

Nota de Prensa

A auditoría encargada polo SERGAS no conxunto dos hospitais galegos revelaba a maquillaxe estatística que aplicaba ao anterior Goberno da Xunta para manipular os datos reais da demora nas citas para consulta e operacións do sistema público de saúde

O PP LÉMBRALLE A ISMAEL REGO QUE O BIPARTITO PRIVABA DE ASISTENCIA SANITARIA A 4.297 MARIÑAOS QUE FORMABAN PARTE DA LISTA DE ESPERA OCULTA

* Os populares subliñan que os novos responsables autonómicos están a traballar arreo para corrixir esta herdanza envelenada do bipartito e garantir que poidan recibir a asistencia médica precisa toda esta xente

A Mariña, 29 de decembro de 2009.- Desde o Partido Popular da Mariña veñen a saír ao paso das declaracións efectuadas polo deputado socialista Ismael Rego ao respecto dunha suposta multiplicación das listas de espera no Hospital da Costa, nos últimos meses, que unha vez máis poñen de manifesto a capacidade de inventar noticias que ten o deputado do PSOE e de ofrecer informacións que para nada se asentan nos datos oficiais.

O PSOE NEGABA A ASISTENCIA SANITARIA A 4.297 VECIÑOS

Os populares da Mariña lembran, en todo caso, que o bipartito privaba de recibir a asistencia sanitaria precisa a máis de 4.297 veciños da nosa comarca que formaban parte da lista de espera oculta. “Isto é, nun escandaloso intento de agochar a saturación do sistema público de saúde, o PSOE e o BNG, desde a Xunta deixaban nun caixón moitas solicitudes de cita e aplicaban polo tanto a maquillaxe estatística e a manipulación. Un problema que hoxe os novos responsables autonómicos pretenden corrixir, traballando arreo por que toda esta xente poida contar coa asistencia sanitaria que se lles negaba. En definitiva, hoxe a Xunta traballa por corrixir a herdanza envelenada do bipartito no sistema público de saúde da nosa comarca”

AUDITORÍA OFICIAL

O PP recorda que a auditoría encargada polo SERGAS revelaba esta problemática derivada da mala xestión do Goberno de PSOE e BNG. De feito cabe salientar os máis de 1.087 pacientes do noso Hospital cuxas solicitudes de cita non foron mecanizadas, e polo tanto que nin formaban parte do rexistro oficial nin eran citados para un día concreto e outros 2.490 desprogramados de xeito indefinido, isto é xente que estaba pendente de ser citada por, por exemplo, ter pedido un cambio de día para obter a súa cita médica. Todos eles non contaban daquela para os socialistas, nin recibían a asistencia médica requirida.

O BIPARTITO DEBERÁ PEDIR PERDÓN

Segundo o PP Ismael Rego e as forzas do bipartito deberan pedir perdón a toda esta xente e, en consecuencia, ata que non o fagan non están lexitimados para falar de demoras no Hospital. Pola contra hoxe o novo Goberno cumpre o seu compromiso de transparencia a respecto das listas de espera. “Acabáronse os tempos nos que a Xunta maquillaba as cifras”. Sinalan tamén desde Sanidade se está a traballar sen descando pola inmediata informatización de todas as solicitudes de prestacións pendentes de citar, a fin de programar, o antes posible, a estes pacientes.

O COMPROMISO DEMOSTRASE CON FEITOS

Desde o PP creen que o compromiso do Goberno demóstrase con feitos, como por exemplo cando os orzamentos deseñados polo PP para 2010 duplican o gasto previsto nas obras de remodelación e ampliación do Hospital con respecto ás cifras de 2009. Mentres que no pasado, o Goberno bipartito elaborou un plan funcional e esqueceuse deliberadamente de dotalo do orzamento correspondente para poder executalo.

Exit mobile version