Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP “en solitario” di que “solicita que o Goberno de Zapatero destine un millón de euros” a apertura do dique norte de Alcoa

Nota de Prensa

Os populares lamentan a hipocrisía política dos nacionalistas que, na Mariña afirman impulsar unha campaña social e institucional para conseguir esta nova  infraestrutura, mentres que os representantes  do BNG en Madrid supedítanse  aos intereses do PSOE e aceptan que as Orzamentos do Estado para 2010 non contemplen un  só euro para esta actuación

O BNG NO CONGRESO ESQUECE O PROXECTO DE APERTURA DO DIQUE NORTE DE ALCOA E NON PRESENTA NINGUNHA EMENDA PARA CONQUERIR ESTE OBXECTIVO

•    O PP DEFENDE ESTA REIVINDICACIÓN EN SOLITARIO: Tan só o Grupo Parlamentario Popular no Congreso rexistrou unha emenda polo que solicita que o Goberno de Zapatero destine un millón de euros a facer realidade esta reivindicación histórica.

A Mariña, 02 de decembro de 2009.-  Pese a que a agrupación comarcal do Bloque Nacionalista Galego na Mariña lucense anunciou a posta en marcha dunha campaña social e institucional para requirir ao Ministerio de Fomento que faga realidade a apertura do dique norte de Alcoa ao tráfico comercial xeral, os  representantes da fronte nacionalista no Congreso dos Deputados non teñen rexistrada ningunha emenda con este obxecto. De feito, malia que os  orzamentos xerais do Estado para 2010, deseñados polo Executivo  socialista de Jose Luis Rodríguez Zapatero, non contamplan un só euro destinado a conquerir esta actuación, un ano máis o BNG no Congreso dos Deputados prégase aos intereses do PSOE e renuncia a defender, a forzar e a reivindicar que poidamos contar cos recursos públicos suficientes para que A Mariña lucense dispoña dun novo porto comercial, aproveitando o  dique norte de Morás, na actualidade infrautilizado  pola multinacional Alcoa.

Así o denunciaron desde o Partido Popular da Mariña que, despois de comprobar as emendas das distintas formacións políticas, deron conta do seu asombro ante este evidente esquecemento nacionalista. Segundo os populares estamos ante un novo exemplo de hipocrisía política do BNG que unha vez máis actúa de xeito distinto cando se trata de defender os intereses da Mariña aquí na nosa comarca ou en Madrid. De pouco valen as declaracións de boas intencións e os acordos aos que se poidan chegar solicitando a creación dun novo porto comercial xeral no dique de Morás se, cando o Goberno do Estado elabora as súas contas, non contempla os  recursos  e  cartos  públicos necesarios para logralo. O BNG é consciente disto e, malia todo, non fai nada. De feito incluso os nacionalistas veñen aprobando os orzamentos de Zapatero ou evitado emendalos, tal e como fixeron este ano,  actuando como cómplices necesarios na marxinación de proxectos tan importantes como este, que  redundaría en beneficio do conxunto da nosa comarca.

O PP DEFENDE ESTA REIVINDICACIÓN EN SOLITARIO

A situación contrasta co compromiso adquirido polo PP que, a través dos  seus deputados no Congreso, rexistraron unha emenda que reclama a achega dun millón de euros destinada a facer realidade esta histórica reivindicación respecto do uso comercial xeral do dique norte de Alcoa. Os populares son os únicos que, alí onde corresponde, defenden a consecución deste novo porto de transporte de mercadorías na Mariña lucense.

É máis, días despois de acceder a nova responsabilidade  de Goberno na Xunta, o PP xa adiantou que, a diferenza do acontecido na pasada lexislatura, onde o Goberno bipartito non se pronunciaba ao respecto, non só  apoiará esta reivindicación, senón que incluso é favorable á creación dunha autoridade portuaria exclusiva para a nosa comarca. De feito o ente público autonómico Portos de Galicia contratou a elaboración dun estudo de viabilidade que servirá para fortalecer esta  reivindicación e dar novos argumentos para convencer ao Goberno central, ao Ministerio de Fomento, da idoneidade desta  nova  infraestrutura.

INTERPRETACIÓN TEATRAL

Os populares lembran que o BNG, nun evidente alarde de cinismo, chegou incluso a manifestarse nas instalacións  do dique de Morás. Agarráronse  á pancarta e fixéronse a foto pero, á hora  da verdade, esquecen requirir  o diñeiro preciso para que Fomento, hoxe en  mans do PSOE, poida  polo menos iniciar os trámites previos a creación deste novo porto comercial. Polo tanto, compartindo o convencemento que seguro terán moitos veciños da Mariña de que o BNG é un partido que non é de fiar, acusan aos  nacionalistas de facer un “teatro, un paripé, unha representación teatral, diante das cámaras e dos  medios de comunicación, pero non raballan alí onde é  necesario, nas institucións, emendando as contas  no  sentido que corresponde, cando se están a aprobar e deseñar os orzamentos para  o ano próximo”

Exit mobile version