Nota de Prensa
O GPPP acusa á Deputación de arranxar mal unha estrada en Xove e desentenderse de subsanar as deficiencias
* Os populares suliñan que a estrada que comunica Beltrán e Portiño de Morás rexistra moito tráfico e que a mala situación do firme provocou numerosos saídas de vía
* Critican que o Goberno provincial anulara unha obra que, con cargo a fondos europeos, prevía non só a mellora do firme senón tamén a do trazado
Xove, a 5 de decembro de 2009.- “A Deputación retrasou a execución das obras de mellora da estrada Beltrán a Portiño de Morás e, por riba, fixoas mal”. Así resumiu hoxe José María González Barcia, voceiro adxunto do Grupo provincial do Partido Popular, a situación na que se atopa esta estrada provincial de Xove durante unha rolda de prensa na que estivo acompañado polo rexidor local, Demetrio Salgueiro, a senadora María Carmen Gueimunde o deputado autonómico José Manuel Balseiro.
Os populares criticaron a desidia da Deputación, e máis concretamente da área de Vías e Obras, por non preocuparse de que as obras acometidas nesta estrada fosen axeitadas, máxime cando nos últimos días contabilizáronse varios accidentes como consecuencia de que o firme non quedou ben asentado. Unhas deficiencias que, suliñan, foron postas en coñecemento dos responsables da administración provincial por parte do Concello o pasado 30 de novembro. Os responsables provinciais, pese a todo, segundo recalcaron os populares, limitáronse a enviar uns operarios para que esparciran un pouco de gravilla.
O vial Beltrán-Portiño de Morás ten moito tráfico, xa que é o único acceso á planta de Pescanova, así coma a varias empresas auxiliares de Alcoa e ó porto pesqueiro de Morás. Une, ademais, varios núcleos de población importantes en Xove, como son Lago e Morás. “É manifesta, por tanto, a trascendencia desta estrada e a preocupación amosada polo Concello e os propios usuarios, que se ven obrigados a circular a menos de 40 quilómetros por hora para evitar saídas de vía”, explicaron os representantes populares.
Dende o GPPP puxeron tamén de manifesto o retraso das obras levadas a cabo nesta estrada xa que, segundo suliñaron, a súa execución quedou prevista polo anterior goberno da Deputación. “Resulta curioso que no seu día varios deputados provinciais do Partido Socialista viñeran aquí a denunciar o estado no que se atopaba esta estrada e despois, cando tiñan a oportunidade de poder solucionar o problema, demoraron a súa resolución e, para colmo, non se preocuparon por facelo ben. É máis, o actual Goberno da Deputación anulou unha actuación que estaba previsto acometer neste vial con fodos europeos e que contemplaba a mellora do firme e do trazado”, apuntou Barcia.
O caso da estrada Beltrán a Portiño de Morás non é único no municipio de Xove. Outra vía provincial moi transitada, a que vai de Xove a Valcarría por Monte, que tamén o anterior goberno provincial tiña en previsión acometer, e cuxas obras iniciáronse recentemente pero “sorprendentemente a Deputación de Lugo só as está a acomenter no tramo que corresponde ó municipio de Viveiro”.
Son dous casos “a destacar” pero, segundo suliñou o alcalde Demetrio Salgueiro, toda a rede viaria provincial no municipio de Xove atópase en moi mal estado, cos firmes moi deteriorados e moitos baches, limitándose a actuación nelas da administración provincial a unha mera limpeza das cunetas. Unha deficiencias que en reiteradas ocasións, segundo indicou, comunicáronselle á Deputación sen que ata o momento obtiveran “ningunha resposta”.