Nota de Prensa
NOTA DE PRENSA DO GMPP DE BURELA
O GMPP de Burela, preocupado pola tensión laboral existente no concello.
Lamentan que a súa débil personalidade e ausencia de carácter sexan as causantes desta problemática.
Os populares pídenlle ó alcalde que non se deixe mangonear e lle faiga frente á situación.
O GMPP de Burela manifestou a súa preocupación pola situación de tensión permanente que se vén dando na vida laboral do concello de Burela e da que o único responsable é o alcalde.
Para os populares, a situación vense agravando nas últimas semanas, e así o demostran os comunicados emitidos hai poucos días por dous sindicatos. Pero eses comunicados non son feitos aillados. Veñen precedidos de malestar entre os traballadores pola productividade, recursos sindicais por ese mesmo concepto, reiterados escritos de traballadores sobre cuestións laborais, recursos xudiciais sobre cuestións laborais e despidos, recursos continuos de particulares sobre contratación de persoal, trato prepotente de certos membros da corporación sobre os traballadores, desastrosa organización dos traballadores en períodos vacacionais ou con persoal de baixa, etc., ante a pasividade absoluta de quen debería poñer orde e rigor na política de persoal: o alcalde.
Para os populares, toda esta situación, que é máis que real, porque xa trascende á opinión pública, débese á débil personalidade do alcalde, un home sen carácter, sen capacidade de toma de decisións, e que por riba da a sensación de estar “mangoneado” non se sabe mui ben por quen.
O GMPP entende que o alcalde tén que facerlle fronte á situación. Estas cuestións non se solucionan “tomando uns cafés”, algo ó que o alcalde está mui acostumbrado pero que non resolve nada, senón exercendo as competencias que a lexislación lle outorga á alcaldía en materia de persoal, que son moitas. O alcalde non pode pretender que o asunto se arregle porque “xa parará de chover”, senon que tén que actuar, poñer orde en todo este desaguisado, e liderar a volta á cordura e ó sentido común, ainda que somos conscientes da súa escasa capacidade para liderar nada. Recoñecemos que non é doado o que pedimos, pero ou toma cartas no asunto canto antes, ou a situación será xa irrecuperable.