NOTA DE PRENSA
O GPPP agardan que a austeridade e a eliminación dos gastos superfluos rixan os orzamentos de 2010 da Deputacion de Lugo
Lugo, a 15 de decembro de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular valora con “prudencia” as declaracións realizadas onte polo vicepresidente Antón Bao nas que adiantou que os orzamentos da administración provincial para o vindeiro ano rexistrarán un descenso de entre 15 e 20 millóns de euros porque, segundo puntualizan, “xa nos acostumamos a que unha parte do Goberno da Deputación diga unha cousa e a outra, o día seguinte, algo completamente distinto”.
Os populares, de calquera xeito, agardan que “ambas partes” leven á práctica o anuncio de que rebaixarán considerablemente a partida consignada ó capítulo de gastos diversos que, tanto o Presidente da institución, José Ramón Gómez Besteiro, como a ala nacionalista, empregan para a súa promoción e autobombo persoal.
Ó entender do GPPP, a austeridade non é precisamente unha virtude da que fagan gala os responsables da Deputación de Lugo pero insisten en recalcar que, dada a grave situación económica na que nos atopamos, apretar o cinto e eliminar todo gasto superfluo debe ser unha das máximas que rixan os orzamentos provinciais do vindeiro ano.
Os populares tamén reprochan ó equipo de goberno provincial que agora se lamenten da rebaixa da aportación estatal a estes orzamentos porque, segundo lembran, non hai moito tempo rexeitaron unha proposta do GPPP na que pedían que a Deputación instara ó Goberno de Rodríguez Zapatero a que axilizara o proceso de financiación autonómica.
Dende o GPPP amosan tamén as súas dubidas sobre o feito de que, pese as intencións manifestadas por Bao, os orzamentos provinciais sirvan para algo máis que para repartir axudas con fines claramente partidistas e clientelares na vez de responder o interese xeral de todos os lucenses.
Lembran neste senso os populares que nestes dous anos e medio de goberno bipartito na Deputación todo o que anunciaron que ían facer para lograr o reequilibrio territorial non se levou á practica e que prácticamente todos os proxectos importantes que se están a aplicar son herdanza da etapa anterior. Dubidan, polo tanto, de que sexa precisamente agora cando dende a Deputación se vaia a traballar con rigor para explotar as pontecialidades coas que conta a provincia.