LUGO .- Esta mañá presentouse no Museo de Lugo o programa de actividades de Nadal que a Área de Cultura da Deputación levará a cabo nos catro museos que compoñen a Rede Museística Provincial. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, que estivo acompañado na presentación das actividades por Aurelia Balseiro, directora do Museo, e Encarna Lago, xerente da Rede Museística, manifestou que “un dos obxectivos principais da Área de Cultura era ofrecer unha alternativa á cidadanía lucense nesta época para achegarse aos contidos dos museos que integran a Rede Provincial a través de actividades que combinen a partes iguais unha compoñente lúdica e didáctica”. Antón Bao remarcou que “o único xeito de que os museos cumpran a súa función de dinamización cultural e non permanezan como institucións acumuladoras de fondos é deseñar, tal como se fai desde a Área de Cultura da Deputación, unha variedade de actividades que atraian a persoas de todas as idades para afondar na nosa cultura a través dos medios que se dispoñen nos centros da Rede Museística”.
Pola súa banda, Aurelia Balseiro, directora do Museo de Lugo, abondou na necesidade de crear unha programación específica para estas datas nas que os nenos e nenas en idade escolar teñen uns días de lecer e toda a familia pode dispor dun maior tempo para participar en actividades culturais. Pola experiencia doutros anos, Balseiro agardou que a programación de Nadal sexa un éxito de participación como se prevé no seu conxunto.
Neste sentido, a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, explicou máis polo miúdo o conxunto da programación que se vai desenvolver polo Nadal nos catro museos. Lago expuxo que, ademais dos obradoiros para público infantil, as visitas temáticas e as exposicións, o Museo de San Paio de Narla, o do Pazo de Tor e o Museo do Mar de San Cibrao acollerán obradoiros interxeracionais que procuran favorecer o coñecemento e a diversidade entre culturas. A xerente da Rede Museística lembrou que todas as actividades organizadas son gratuítas e que, para favorecer a participación da xente, poranse a disposición medios de transporte desde Lugo ao Museo de San Paio de Narla e de Monforte de Lemos a Tor os días que se celebren os obradoiros.