LUGO .- A vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou o orzamento do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) para o ano 2010, e que ascende a 14 millóns de euros. O INLUDES potenciará as novas tecnoloxías, o sector agrogandeiro e o emprego.
Nota de Prensa
O INLUDES potenciará as novas tecnoloxías, o sector agrogandeiro e o emprego cun orzamento de 14 M€
– O Consello Reitor aprobará mañá o Presuposto que en 2010 diminúe un 7,23% debido á merma dos ingresos do Estado e á aplicación dos proxectos europeos
– Lara Méndez destaca que é “un orzamento realista, xa que a crise obríganos a facer unha política austera, polo que facemos un esforzo por reducir os gastos correntes e que son superfluos nun 12,46%”
– 14 prestixiosas empresas españolas e multinacionais compiten pola implantación da e-administración na Deputación e nos Concellos
– Continuarase coa aposta polo sector agrogandeiro a través do Centro de Recría, cuxo proxecto está a ser tramitado no Concello de Castro de Rei, e antes de finais de ano se enviará á Xunta de Galicia para obter os permisos pertinentes
O Consello Reitor aprobará mañá o Presuposto, que está amparado no Plan Económico Financieiro aprobado en xullo de 2008, e que diminúe en 2010 un 7,23%, é dicir, 1.091.628 euros. Isto débese por un lado, á merma dos ingresos que se recibirán dos tributos do Estado e, por outro, á aplicación dos proxectos europeos acadados. “Hai algúns que se solicitaron o ano paso e que non foron concedidos, o que implica que non os hai que executar e por iso non se contempla consignación orzamentaria”.
Lara Méndez destacou que é “un orzamento realista no que miramos a onde vai destinado cada céntimo de euro, tal e como esixe o a situación económica actual que nos obriga a facer unha política austera, realizando un grande esforzo no control dos gastos correntes como material, equipamentos, etc. Neste senso, un dato importante é que neste capítulo, a aportación do INLUDES redúcese nun 12,46%”.
Principais apostas do Orzamento
Lara Méndez destacou que “se traballará coa xestión xa iniciada en 2009 e cos proxectos cofinanciados con fondos europeos. O ano pasado soubemos captar investimentos de Europa que nos permitiron aforrar cartos á Deputación. O 2010 será o ano no que teremos resultados visibles e palpables”. Neste senso, as liñas estratéxicas do Presuposto son fundamentalmente cinco:
1º.- Aposta polas novas tecnoloxías e pola sociedade da información co programa Innova-TE. Ten un orzamento de 9 millóns de euros e a aportación do INLUDES en 2010 ascende 3.140.000. Lara Méndez destacou que a finais de outubro aprobamos con 7 millóns de euros o maior investimento en TICs feito nunca en Galicia. Neste senso, adiantou que este mesmo luns celebrouse unha mesa de contratación na que se admitiron 7 propostas de 14 prestixiosas empresas españolas e multinacionais que compiten nestes momentos pola implantación da e-administración na Deputación e nos 66 Concellos da provincia. “Moitas delas son UTES nas que están representadas empresas tan importantes como Telefónica ou HP e en 20 días producirase a adxudicación provisional. Detrás destas, contémplase ata un 60% de subcontratación na provincia, o que xerará unha grande actividade económica e riqueza en Lugo”.
Asimesmo, indicou que “dentro da aposta polas novas tecnoloxías, pero neste caso no medio rural, no INLUDES temos outro proxecto que é o Parnet-TIC. Este programa terá unha partida específica de 225.672 euros”.
2.- Aposta polo sector agrogandeiro: O campo vai da man do 1º Centro de Recría público que a Deputación construirá o vindeiro ano na Granxa Gayoso-Castro, que é amplamente demandado polo sector agrogandeiro en xeral e co que se aforrará cartos ós gandeiros. Tamén se continuará coa reforma para modernizar as instalacións existentes en Castro de Rei. Neste caso, o investimento é de 2.214.660 euros.
Lara Méndez subraiou que “antes de finais de ano enviarase o proxecto que está a tramitar o Concello á Xunta para obter os permisos pertinentes, e así seguir avanzando e iniciar o comezo das obras previsto para o primeiro semestre”.
3.- Fomento do emprego estable, a través do Pacto Provincial polo Emprego, programa que está avalado por Europa e que conta cun orzamento de preto de 4 millóns de euros. En 2010 a achega do INLUDES é de 1.249.787 euros.
Deste proxecto, a Vicepresidenta Segunda adiantou que “estamos rematando a diagnose da situación laboral da provincia para atacar ó desemprego e formar ás persoas desempregadas facilitándolles ó acceso a novos postos de traballo”. Asimesmo, suliñou que “seguiremos cunha iniciativa pioneira na Deputación e en moitas institucións provincias como é o programa de apoio ós autónomos, e que se fixo por concurrencia competitiva. Ante o éxito da iniciativa que puxemos en marcha en 2008 e repetimos en 2009, haberá unha terceira convocatoria”. A este fin, no Orzamento destínanse 669.741 euros.
4.- Aposta polo medio ambiente e polas enerxías renovables: Este ano abrirá as súas portas no INLUDES a Axencia Provincial da Enerxía para o aproveitamento enerxético da provincia. Lugo só xera unha cuarta parte da enerxía que consume e a pesar de que Galicia é unha das principais produtoras españolas, as 4 provincias teñen que importar para atender a súa demanda. “Coa Axencia, á que destinamos 379.668 euros, contribuiremos a facer un uso racional, que aforre cartos ós Concellos”.
Centro de Artesanía e Deseño e UPD
A quinta liña é o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación que contará o vindeiro ano cun orzamento de 1.696.849 euros para “seguir apoiando ós nosos artesáns neste momento de crise e para seguir innovando na Capela de Santa María”. Méndez indicou que “é unha das poucas partidas aumentan, un 27%, e isto débese ó incremento da formación, á diferenza do que se facía en épocas anteriores, e a que o CENTRAD conmemorará en 2010 o XV aniversario da súa creación. Con motivo disto celebraremos o 3º Encontro de Rede Ibérica de Centros de Artesanía no que estarán representados Centros de España e Portugal”. O primeiro celebrouse en Valladolid e, o segundo, en Valencia.
Para a Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) o INLUDES achega 83.449 euros. “É importante este dato e non só pola cuantía, senón polo retorno e polo beneficio que repercute a todos os Concellos da provincia. Dende este servizo realízase un traballo importante, é a unidade que desenvolve os proxectos do canon ou incluso outros de obra nova”.