Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo Batuko Tabanka presenta Djuntamô, o seu novo disco, na Casa da Cultura de Burela

BURELA (FNC) .- O mércores día 30, ás 20 horas no auditorio da Casa da Cultura terá lugar a presentación do disco de Batuko Tabanka Djuntamô. Segundo explica a edil de Cultura, Neves Cando, “o disco comenzou a xestarse na viaxe que estas mulleres fixeron ao seu país, a Cabo Verde, aló por abril de 2006 e que agora máis de tres anos despois ve a luz aquí, na que é a súa terra desde hai moitos anos, Burela”.

A concelleira nacionalista sinala que “músicos galegos e caboverdianos ademáis de representantes da música portuguesa e tamén extremeña xúntanse neste disco para acompañar ás Batuko Tabanka nesta viaxe desde Cabo Verde a Burela. Músicos como Rodrigo Romaní, Uxía, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, as gaitas de Treixadura, as batukadeiras de Cidade Vella e a embaixadora da cultura de Cabo Verde, Nacia Gómes, están presentes neste disco que teremos o pracer de presentar en Burela e disfrutar tamén das imaxes da súa estancia en Cabo Verde”.

Neves Cando convida “a todos os veciños e veciñas de Burela e tamén a todos os mariñáns a asistir á presentación deste disco que nos permitirá disfrutar tamén en vivo e en directo destas mulleres caboverdianas afincadas desde hai moitos anos en Burela, que fan da súa música a expresión máis xenuina das súas orixes”.

Exit mobile version