Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo asinou un convenio coa Xunta para mellorar as instalacións da piscina municipal

CERVO .- Concello de Cervo, asinou o pasado 26 de Novembro, coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, un convenio de colaboración por un importe que ascende á cantidade de 57.995,36 €, que van ser destinados integramente a obras de mellora da Piscina Municipal.

Ao tratarse dunha piscina olímpica (única en toda a Provincia), para un Concello de 5000 habitantes, estas instalacións resultan sobredimensionadas, e aínda que se conta coa colaboración de Alcoa para o quentamento da auga, supoñen uns gastos anuais para as arcas municipais de máis de 150.000 €, aparte da cuota dos socios.

O Goberno Municipal apostou en todo momento por manter estas instalacións nas mellores condicións posibles, pero debido tamén ao deterioro que sofre por ter xa unha antigüidade de 11 anos, é fundamental contar coa colaboración da Administración Autonómica, colaboración que a pesares das reiteradas solicitudes que se lle fixeron ao anterior goberno da Xunta de Galicia, non deron froito e o Goberno bipartito non investiu durante eses catro anos nin un só euro na Piscina Municipal de Cervo.

Afortunadamente o cambio dos xestores da Xunta de Galicia trouxo para o Concello de Cervo un diálogo máis fluído que se plasmou neste caso no Convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte.

As obras que se van realizar, van ir primeiramente dirixidas a estructuras e subministros que segundo os Servizos Técnicos do Concello, resultan máis imperiosas:

* Instalación dun depósito de auga quente sanitaria.
* Cambio da área dos filtros.
* Instalación de billas monomando nas duchas.
* Instalación de válvulas reguladoras da temperatura da auga.
* Colocación de novas corcheiras no vaso.
* Etc.

É preciso seguir a traballar na mellora da Piscina Municipal e dende o Concello de Cervo estamos seguros de que a colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte, vai ser positiva de cara a futuras demandas que se vaian presentando, como xa o foi nesta ocasión.

Exit mobile version