BURELA (FNC) .- O Concello cederá a xestión da Banda de Música á asociación Amigas e Amigos da Banda de Burela. Será a través dun convenio que se aprobará no pleno do vindeiro 23 de decembro.
A concelleira de Educación, Lucía Bouza, contou que “creamos unha proposta de convenio de colaboración entre o Concello e a recentemente creada asociación Amigas e Amigos da Banda de Burela, que nace co obxectivo de promocionar a Banda e vaise presentar para a súa aprobación no pleno do vindeiro 23 de decembro ás 10 da mañá”.
“Dende o equipo de goberno pensamos que este convenio vai favorecer moito a promoción da Banda de Burela, posto que o Concello vai delegar a xestión nesa asociación e continuará colaborando cos gastos que a Banda xera. O Concello comprométese a seguir financiando o posto de director e a levar a cabo o proceso de contratación cando sexa oportuno a condición de que o director ou directora da Banda será sempre o responsable da organización das actividades docentes e a dirección artística”, seguiu a relatar a edil socialista.
Lucía Bouza explicou que “o Concello aportará anualmente a cantidade de 6.000 euros que era o que viña gastando máis ou menos na Banda de Música, pero agora esta asociación poderá solicitar outro tipo de axudas que veñen da Consellería de Cultura ou da Deputación de Lugo e por suposto poderá solicitar financiación privada, algo que antes non se podía facer. Esto significa que a Banda verá incrementados os seus ingresos e o funcionamento vai ser mellor”.
A concelleira de Educación contou que “a Banda de Música tamén adquire unha serie de compromisos co Concello, xa que con carácter fixo ten que corresponderlle cunha serie de actuacións cada ano natural. En total serán cinco, de carácter obrigatorio serán as actuacións do concerto de aninovo, a procesión e o concerto das festas patronais. A parte destas o Concello vai dispor doutras tres actuacións que se fixarán de común acordo. Os membros da Banda disporán de matrícula gratuíta na Escola Municipal de Música de Burela e a asociación de Amigas e Amigos da Banda, unha vez que o convenio estea aprobado, vaise responsabilizar dos contratos con diferentes entidades e institucións para os concertos e tamén da xestión económica da Banda. O convenio terá carácter anual, e poderá darselle continuidade sempre que exista acordo entre as partes”.
No equipo de goberno “pensamos que será moi beneficioso para a Banda, funcionará de mellor maneira e eso é o que nos interesa”.