Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG recrimina ao goberno de Cervo pola falta de iniciativas nun pleno de once puntos dos que sete foron mocións

Nota de Prensa

O BNG RECRIMINA AO GOBERNO LOCAL POLA FALTA DE INICIATIVAS NUN PLENO DE ONCE PUNTOS DOS QUE SETE FORON MOCIÓNS.

O pleno deixou ver divisións de criterios dentro do PP que no pleno da Deputación aprobou reclamar as transferencias dos portos de interese xeral e en Cervo Balseiro defendeu unha postura contraria.
Os veciños de Lieiro teñen que suplir a parálise na redacción do PXOM do goberno promovendo unha modificación puntual das Normas de Planeamento que permita a legalización urbanística dunha realidade xa existente.
Cervo, 3 de decembro de 2009. O BNG destacou a aprobación por partida dobre de dúas iniciativas que esixen ao goberno do Estado o rescate do dique norte do Peirao de San Cibrao para uso comercial. Tamén foi aprobada por unanimidade a moción nacionalista que esixe o remate da VAC Barreiros-Ferrol no horizonte do 2014 polo que tanto a Xunta como o Estado deberán establecer  un cronograma de actuacións con consignación orzamentaria suficiente para este fin. Os nacionalistas recriminaron ao goberno local a parálise na redacción do PXOM que obrigou a veciños de Lieiro a tomar a iniciativa de pedir unha modificación puntual das normas de planeamento do ano 1978 que cambiarán a cualificación dun espazo de 28.000m2 de solo urbanizábel a solo de núcleo rural co que melloran as posibilidades de actuación nas súas vivendas e legalizan unha situación insostíbel que se prolonga dende fai anos.

A Modificación Puntual das Normas Subsidiarias de Planeamento en Lieiro foi promovida polos veciños diante da parálise do goberno local na redacción do PXOM.
O portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, recriminou ao goberno local pola parálise na redacción do PXOM que obriga aos cidadáns a intentar solucionar os seus problemas mediante iniciativas como a debatida no pleno de onte. Estúa lembrou que o gobeno local encargou a redacción do PXOM no ano 2002 e xa imos pola terceira prórroga nos prazos de aprobación, “a modificación das normas en Lieiro non é mais que un remendo para un traxe que non da mais de sí e o que compre e facer un traxe novo”. Estúa denunciou que dende o 2004 non hai ningún avance na redacción dese documento urbanístico que debería ser aprobado definitivamente en 2012 de acordo co cronograma acordade co anterior goberno galego para financiamento do 100% da redacción, mais unha nova resolución da actual Dirección Xeral de Urbanismo prorroga a aprobación definitiva ao ano 2013 obrigando ao abono por parte de concello do 20% da redacción. O portavoz nacionalista culpou ao goberno local desta situación xa que non ten ningún interese en sacar adiante un documento fundamental para o futuro do concello.
Valoración positiva na aprobación de tes iniciativas sobre o Porto comercial de San Cibrao e a VAC Barreiros-Ferrol.
Os nacionalistas valoraron dun xeito positivo a aprobación de dúas iniciativas do BNG relativas ao desbloqueo das negociación para o rescate do dique norte do peirao de San Cibrao para uso comercial e o adianto do remate das obras da VAC no horizonte do 2014 nos tramos autonómico e Estatal. Ainda así reclamaron ao Partido Popular coherencia no seu sentido de voto, xa que mentres na Deputación de Lugo o PP votaba a favor da solicitude de transferencia dos portos de interese xeral á comunidade autónoma, Balseiro en Cervo defendeu todo o contrario a pesar de recoñecer que por parte da Xunta xa se fixeron anuncios neste sentido. Estúa demandou que as declaracións de intencións sobre a VAC se vexan plasmadas nos orzamentos da Xunta “xa que até agora o único que vemos é un recorte en canto aos investimentos previstos polo anterior goberno galego e un retraso anunciado polo conselleiro do ramo até o 2017.”
O PP trata de entorpecer as negociacións para a ampliación do Museo do Mar con mocións oportunistas.
Estúa defendeu o traballo serio e rigoroso da Área de Cultura e Deportes no que ten a ver coas xestións realizadas para a ampliación do Museo do Mar de San Cibrao, moi lonxe da prepotencia e malas maneiras realizadas polos gobernos locais e provinciais do PP. Lembrou que na acta do pleno onde se acordou a cesión destas instalacións á Deputación de decembro de 2003, o propio Balseiro anunciaba a merca dos solar anexo e pouco tempo despois a Vicepresidenta do ente provincial, Fe Rodríguez Rocha, apuntaba na mesma liña, “quedou demostrado que estas dúas persoas mentían descaradamente xa que nin isto sucedeu, nin sequera aproximaron posturas cos propietarios, mais ben todo o contrario”, denunciou Estúa, quen ademais advertiu que non vai ser o PP quen decida os orzamentos da institución provincial e moito menos cando estes están practicamente pechados, sinalando que o PP o único que trata con esta moción é de entorpecer e boicotear o traballo dos nacionalistas neste tema.
O BNG acusou ao alcalde de enfrontar aos veciños cun camiño en Espiñeirido
A aprobación por unanimidade da apertura dunha investigación en relación á titularidade pública ou privada dun camiño no lugar de Espiñeirido foi matizado polo BNG advertindo que por aquí tíñamos que ter empezado antes de actuar pola forza e ter atrancada a entrada a unha vivenda por mais de 20 días. É evidente que si se abre esta investigación existen dúbidas sobre a súa titularidade e por tanto non se poden redactar proxectos de actuación sobre un ben que se descoñece si é público ou privado. Estúa demandou unha vez mais a elaboración dun inventario de bens municipais para evitar estes conflitos e advertiu que o proceso que agora se abre non vai dirimir a titularidade do camiño xa que de momento está inscrito no rexistro da propiedade. En calquera caso o BNG defende a titularidade pública de tódolos bens que sexan susceptibles de ser públicos, mais tamén hai que ofrecer á cidadanía a oportunidade de defenderse cando teñan un criterio contrario, cousa que ate agora non se fixo.

Exit mobile version