NOTA DE PRENSA:
O BNG DE VIVEIRO INTERÉSASE POLO ABANDONO DUN DOS EDIFICIOS MÁIS EMBLEMÁTICOS DO CASCO HISTÓRICO
O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro vaise interesar polos motivos do abandono dun dos edificios privados máis emblemáticos do casco histórico. Trátase da casa que linda coa porta de Carlos V á que, desde hai tempo, fóronlle retiradas as madeiras das galerías e está nun lamentable estado de deterioración.
Este edificio que ten planta baixa e dous andares—seguindo a Donapetry—está no solar doutro anterior que pertenceu a Pardo de Cela, foi sede do Colexio Insigne e conta co escudo nobiliario de dona María Sarmiento.
“O concello de Viveiro non pode permitir—manifesta o nacionalista Goás Basanta—que un edificio destas características, que forma un conxunto coa fachada de Viveiro máis fotografiada polos visitantes, `permaneza nesta vergoñenta situación”
O BNG considera que o Concello debe intervir xa e obrigarlle aos propietarios a repoñer as galerías que foron retiradas. Non se entende como se exerce un control nas obras de rehabilitación que fan outros veciños no casco histórico e se permite semellante estado de abandono nunha das edificacións máis visíbeis do casco antigo.
O BNG presentará unha moción na vindeira sesión plenaria para que a corporación municipal acorde requerir aos propietarios deste inmóbel lindante coa porta de Carlos V para que, de xeito inmediato, proceda a reposición das galerías e ao amaño da fachada.