O BNG ACLARA QUE AS PISTAS DE TENIS E DE PADEL SON DE USO PÚBLICO
“O que ten que facer o alcalde é regular o seu uso e non deixar que outros gobernen o que é de todos”
Foz, 11 de decembro de 2009.- Diante das numerosas dúbidas e queixas de veciños de Foz sobre o uso das pistas de tenis e de padel, situadas en Marzán, o BNG de Foz ten que aclarar que estas pistas son instalacións deportivas municipais e polo tanto todo o mundo ten dereito a utilizalas.
Esta aclaración ven dada porque nos últimos tempos numerosas persoas preguntaron polo seu uso e queixáronse de que se lles esixía pertencer ao club de tenis para poder disfrutar das pistas e o que é máis grave, estaselles cobrando un diñeiro por utilizalas cando non existe ningunha taxa municipal establecida. Segundo consta na acta de concesión por parte do Concello sobre o uso destas instalacións, deixase claro que a concesión que puidera existir co club de tenis non priva do carácter público das instalacións deportivas, é dicir, que calquera veciño pode utilizalas. Por eso, nas súas atribucións e para evitar malentendidos, o Concello debería aprobar un regulamento de uso destas instalacións e aplicar as taxas se procede, pero como en tantas outras cousas o grupo municipal de goberno non exerce como tal, mira para outro lado e deixa un baleiro de poder que outros se atribúen indebidamente.
As instalacións públicas, como é o caso, son pagadas cos cartos de todos e polo tanto existe o dereito inalienable de utilizalas e ninguén pode atribuírse en propiedade algo que é para uso e disfrute de todos os veciños. En particular, a nova pista de padel, foi construída cos fondos do Plan E do Goberno Estatal xunto co amaño dos vestiarios do pavillón, cun presuposto de execución de 46.971,89 euros. Así, unha vez aclarado isto, o único que ten a potestade de regular o seu uso é o Concello e cobrar por elo. Se alguén, saltando a lei, se atribuise esas funcións estaría incurrindo nun delito de usurpación de funcións públicas e intrusismo. Polo tanto, sería bo que o alcalde exercese como tal e puxese as cousas no seu sitio. Ou será “pedirlle peras ao olmo”?
Polo tanto, e para que quede claro, o BNG non ten máis que dicir que o uso de todas as instalacións deportivas de Marzán é público e, polo tanto, toda aquela persoa de Foz que queira ten o dereito de disfrutar delas, e gratuitamente.