Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros responsabiliza ao alcalde da situación xudicial que vive o concello, pola súa mala xestión

NOTA DE PRENSA (FNC)

O BNG DE BARREIROS ACUSA A ALFONSO FUENTE DE SER O RESPONSABLE DA XUDICIALIZACIÓN QUE SOFRIU A VIDA POLÍTICA E ADMINISTRATIVA DO CONCELLO. OS NACIONALISTAS CONSIDERAN QUE O CAOS URBANÍSTICO FOI PROVOCADO E ACRECENTADO POLA MALA XESTIÓN DOS POPULARES BARREIRENSES.

Barreiros, 2 de decembro de 2009. O BNG de Barreiros acusa a Alfonso Fuente de ser o responsable da xudicialización que sofriu a vida política e administrativa do concello. Os nacionalistas recoméndanlle ao alcalde que busque solucións en lugar de andar na busca de culpables.

O portavoz do BNG en Barreiros, Antonio Veiga, cre que “o alcalde de Barreiros ten dúas opcións, ou buscar culpas ou solucións. Parécenos que está a adoptar a postura de buscar culpas, porque aos malos xestores eso sempre lles resulta máis fácil. Pensamos que o Concello de Barreiros non pode vivir dese argumento, pero á hora de buscar culpas Alfonso Fuente tería que facer examen de cociencia e mirarse ao espello e recordar quen foi o que firmou as licencias con informes xurídicos desfavorables. E non foron nin unha nin dúas, foron moitas e eso foi o que provocou este caos urbanístico, provocóuno e acrecentóuno a mala xestión do PP en Barreiros”.

Os nacionalistas engaden que “agora parece ser que a solución pasa porque todos paguemos as desfeitas que ocasionaron uns poucos para beneficio propio. Non nos cansaremos de repetilo e desde logo que nós non usamos as argumentacións demagóxicas que o PP usa ata o de agora. Agora con esa solución que apunta o PP da Xunta e que avala o PP de Barreiros parece ser que os servizos que outros tiñan que ter posto antes que os edificios vanos ter que pagar todos os cidadáns, os que se beneficiaron e os que non se beneficiaron, que son a maioría neste concello. Aí é onde está o problema”.

Veiga Outeiro sinala que “a xudicialización da vida política e administrativa do Concello Barreiros desde logo que a provocou única e exclusivamente Alfonso Fuente. Nós dámoslle a escoller, que siga buscando culpables xogando a xuiz ou que busque solucións. Segundo dicía algún deputado do PP que agora está no grupo de goberno, na campaña dixo que si eles gañaban esto íase arranxar nun plisplas, eso díxoo no teleclube de Barreiros un coñecido deputado do PP na Mariña co aplauso de todo o PP de Barreiros. Os veciños agardan agora esa solución máxica que se ía producir tan pronto entrasen na Xunta, así que recoméndolle ao alcalde que opte polo camiño das solucións en lugar de buscar culpables”.

Exit mobile version