Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG chama aos mariñáns a mobilizarse en apoio aos saharauís e impedir a morte de Haidar

NOTA DE PRENSA
Veiga chama aos mariñaos a mobilizarse en apoio aos saharauís e impedir a morte de Haidar.

O BNG convoca o Luns 21 unha concentración en Foz en solidariedade con Haidar.

O Bloque Nacionalista Galego vai celebrar o Luns 21 de Decembro ás 20:30 fronte a casa do Concello de Foz unha concentración en solidariedade coa activista polisaria Aminetu Haidar e en prol da autodeterminación do pobo saharauí . O BNG entende que a grande maioría da sociedade galega respalda a causa do pobo sahariano e o seu dereito a vivir libremente no seu País, fóra da ocupación marroquina.

O Portavoz Comarcal do BNG recordou que Aminatou Haidar, quen desde o 15 de Novembro está en folga de fame para reclamar os seus lexítimos dereitos -o seu retorno en liberdade ao Sáhara-, pisoteados polo Goberno marroquino coa lamentábel complicidade das autoridades españolas.Vázquez explicou que achou a Haidar “fisicamente debilitada, pero cunha enorme coraxe e valentía á hora de defender as súas conviccións”. O Bloque Nacionalista Galego está a intensificar a súa acción política en demanda do respecto dos lexítimos dereitos que asisten á activista saariana, conculcados por Marrocos coa cumplicidade do Goberno español.

“O Goberno español está moi lonxe de ter feito todo o que estaba na súa man para conseguir a resolución positiva deste conflicto”, afirmou Antonio Veiga. “Hai que esixir con clareza e sen morneza a Marrocos que devolva o seu pasaporte a Aminetou e que lle permita o retorno sen condicións á súa patria”, engade. “O pobo sahariano está oprimido por Marrocos, ten perfecto dereito a que se cumpran as resolucións de Nacións Unidas e a ser independente”, alegou Veiga .Cualificou asemade de “escándalo” que se impuxera unha multa a Haidar -a instancias da dirección do Aeroporto de Lanzarote- e afirmou con clareza que “demostra a falta de sensibilidade das autoridades españolas”.

O Bloque Nacionalista Galego afirmou que son preto de 190.000 os saharauís que viven nos campamentos alxerianos nunha situación de dureza física como só se pode experimentar no deserto e cunha dureza psíquica como só poden experimentar os que viven no exilio, e calcúlase que máis de 150.000 saharauís viven nos territorios ocupados por Marrocos sofrindo directamente a represión e a discriminación no seu propio territorio, represión e discriminación que exerce sobre eles a monarquía alauita do rei Mohamed VI.

Xa por último o Portavoz Comarcal do BNG animou a todos os veciños da Mariña a participar desta concentración en solidariedade coa loita do pobo saharauí e defensa dos dereitos civís de Aminatou Haidar. “A poboación da mariña que tan solidariamente se comporta co pobo saharauí, particularmente no seu masivo apoio ao programa vacacións en paz, ten que responder a esta situación co mesmo espírito solidario”

Exit mobile version