Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG apoia a mobilización de Queremos Galego cunha caravana de coches o domingo, día 13

NOTA DE PRENSA
Ermida chama a mobilizarse para parar o Decreto Galego

Queremos Galego convoca unha caravana de coches

para o Domingo, día 13, contra o anunciado novo Decreto do Galego no ensino

As diversas organizacións, inseridas na plataforma cidadá Queremos Galego da Mariña, expuxeron a súa posición conxunta a respecto do “clima de incerteza” que se respira nas aulas perante a previsíbel derrogación do decreto 124/07 de uso e promoción do galego no ensino, que mantén a súa vixencia durante o presente curso escolar, e a súa tamén previsíbel substitución por un novo texto. Este, segundo denunciaron, suporía “o primeiro retroceso legal en 30 anos de período autonómico e presenza legal do galego no ensino

As organizacións que subscriben o posicionamento conxunto manifestaron a súa “preocupación” polo que entenden como “un exercicio de total insubmisión” da Consellaría de Educación a respecto da súa propia lexislación vixente. “Non é só que non garantan o pleno cumprimento do decreto 124/07, que é de aplicación durante o presente curso escolar, senón que cada declaración pública acaba por se converter nun convite expreso á desobediencia”, sinalaron.

Neste sentido, denunciaron que a situación actual continúa a ser “de xeneralizado incumprimento do decreto en vigor” e que alí onde si se aplica é exclusivamente grazas “ao esforzo e compromiso, moitas veces mesmo persoal, da comunidade educativa”. Así, continúan a reclamar medios e recursos, “en moitos casos inexistentes”, e recoñecemento e formación axeitados para o profesorado.

Ermida recordou que o lema escollido para esta mobilización “Aprender o galego non é delito” non é casual, posto que o Goberno da Xunta está a poñer en xogo dereitos democráticos tan mínimos como é o feito de que os nosos escolares poidan saír do ensino básico dominando os dous idiomas que hoxe son oficiais en Galiza. “A proposta de Decreto que prepara a Xunta responde á vontade lingüicida do goberno galego é ao seu intento de exterminio do galego”, aseverou Ramón Ermida.

Xa por último, desde “Queremos Galego” informaron que a caravana sairá ás 11:30 do Aparcadoiro Municipal de Ribadeo e á mesma hora da Estación de Autobuses de Viveiro, para rematar na Praza da Mariña de Burela. As persoas de Foz, O Valadouro, Riotorto, A Pontenova, Barreiros, Lourenzá, Trabada e Mondoñedo deben desprazarse a Ribadeo. As persoas de Burela, Cervo, Xove, O Vicedo, Muras, Ourol e Viveiro sairían da Estación de Viveiro.

Exit mobile version