Nota de Prensa
O PP rexeitou emendas presentadas polo BNG mariñán por 12.8 millóns de euros
Veiga afirma que o PP de Balseiro asinou a carta de defunción do desenvolvemento da Mariña coas contas aprobadas polo Parlamento
O nacionalista mariñán salienta que o PP non vai cumprir ningún dos seus compromisos electorais coa comarca.
A Mariña, 17 de decembro de 2009. O BNG mariñán criticou duramente a actitude do PP no Parlamento Galego que “volvendo a aplicar a política do rodillo dos últimos 16 anos” laminou tódalas emendas presentadas para mellorar os orzamentos da Xunta coa comarca. Os nacionalistas quixeron facer fincapé na falta de credibilidade dos representantes do PP mariñao que non admitiron emendas que incluían partidas orzamentarias específicas para infraestruturas sociais ou de comunicación que foron cabalo de batalla dos populares nos últimos anos, co cal demostran que os seus intereses non están na defensa dos intereses da comarca, senón en manter o posto e os coches oficiais.
A negativa do PP, cos seus dous parlamentares mariñans como cómplices, a admitir ningunha das emendas presentadas polo BNG da Mariña aos orzamentos da Xunta para 2010, condena á parálise actuacións tan relevantes como a ampliación do Hospital da Costa ou o demandado corredor San Cibrao-Ferrol. Antonio Veiga chamou tamén a atención sobre a negativa dos populares a admitir emendas nacionalistas sobre a estrada LU-124 de conexión entre A Pontenova, Riotorto e Mondoñedo coa A8, “a cidadanía destes tres concellos deberan ter en conta quen son os responsábeis da súa incomunicación”
Antonio Veiga cualificou de demagóxica a política de austeridade de Feijoo que incrementa os gastos das delegacións provinciais para fortalecer a estrutura partidaria do PP, mentres recorta gastos en políticas sociais e non existen políticas decididas para combater a crise económica e o desemprego.
Antonio Veiga referiuse con maior concreción á paralización de investimentos previstos polo anterior goberno no Hospital da Costa para o que foi presentada unha emenda por 1.6 millóns de euros, o nacionalista criticou que a negativa do PP a investir neste hospital pon negro sobre branco as verdadeiras intención do Partido Popular para desmantelar a autonomía deste centro hospitalario e sitúase no marco das intencións do goberno Feijoo de ir socavando a calidade da sanidade pública en beneficio da privada. O nacionalista lembrou que fai escasamente un ano, Balseiro reclamaba 3 millóns para este hospital, 2 para amplialo e 1 para a resonancia magnética, “agora ao Sr. Balseiro chégalle con recoller os beneficios da Mesa do Parlamento e o coche oficial mentres un día tras outro o servizo sanitario na Mariña se vai deteriorando”
Na mesma liña, Veiga lembrou os 15 millóns demandados o ano pasado polo popular para a VAP no tramo autonómico entre San Cibrao e Ferrol que agora recortan nun 75% en relación ás previsións do anterior goberno para 2010. “É evidente que nin a Sra. Chao nin Balseiro están no parlamento para defender os intereses mariñans”, rematou