BURELA (FNC) .- O vindeiro 14 de decembro ás 17 horas no Concello de Burela terá lugar unha xuntanza na que participarán técnicos de OTEA para explicar o avance do Plan Xeral de Ordenación Municipal que días despois se enviará á Xunta. Ao encontro asistirán os técnicos municipais e tamén a Corporación Municipal.
O alcalde, Alfredo Llano, sinala que “será unha exposición previa a enviar o plan a Santiago para que sexa informado, desde alí teñen que dicir si avanza aténdose á legalidade e unha vez que pase esa fase previa, que tardará coma uns seis meses, comezaremos a facer as reunións cos veciños para que poidan alegar antes de pasar á exposición definitiva”.
O rexedor manifesta que “o plan é moi importante para Burela, dado que estamos afectados por Costas, por Feve, pola variante e pola autovía si pasa preto de aquí, entón é bo que se vaia definindo como debe ser o noso concello, en canto a unha planificación ben feita que sexa beneficiosa para o conxunto de todos os veciños”.
Incendio
Por outra banda, Alfredo Llano, agradeceu “a actuación eficaz esta mañá de Protección Civil, dado que foron chamados e acudiron rapidamente á casa dunha veciña na rúa Nosa Señora do Carme. Alí declarouse un incendio provocado por un electrodoméstico, e debido á rapidez da actuación evitáronse males maiores. Só houbo que lamentar a perda dese electrodoméstico e dun quentador que estaba próximo. A actuación de Protección Civil foi moi rápida e amosou unha boa profesionalidade, como ben sendo habitual”.