Site icon Crónica3.com A Mariña

Emendas do BNG no Congreso posibilitarán recuperar as cetáreas de Rinlo, asegurou o alcalde de Ribadeo

RIBADEO (FNC) .-  O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que a emenda do BNG aprobada no Congreso suporá o desbloqueo do proxecto de recuperación e rehabilitación das cetáreas de Rinlo. Os orzamentos do Estado contemplan para 2010 unha partida de 400.000 euros que irán destinados á primeira fase do devandito proxecto. O rexedor está moi satisfeito.

Suárez Barcia sinalou que “esta iniciativa que presentaron os representantes do Bloque Nacionalista Galego no Congreso dos Deputados, esta emenda aos presupostos do Estado para o ano 2010, é moi importante para Ribadeo e concretamente para Rinlo, dado que este proxecto tan ambicioso no que levamos tanto tempo traballando entre o Concello, a Dirección General de Costas e ultimamente tamén se involucrou a Xunta de Galicia a través do xefe territorial de Cultura, o señor Andina, para unha cuestión técnica que quedaba pendente, estaba redactado pero agora había que dotalo de consignación presupostaria”.

O rexedor subliñou que “esta emenda do BNG que foi aprobada no Congreso contempla o destino de 400.000 euros para unha primeira anualidade a levar adiante no 2010. Polo tanto está consignada esa partida nos orzamentos do Estado, que xa están aprobados definitivamente, para que agora o Ministerio de Medio Ambiente licite as obras do que vai ser a primeira fase desta inversión tan importante desde o punto de vista da recuperación etnográfica dun patrimonio colectivo como son as cetáreas de Rinlo. O obxectivo é facer un lugar de encontro, turístico, educativo e de recuperación etnográfica dun patrimonio industrial vinculado ao marisco tan característico nesta zona e concretamente na parroquia de Rinlo”.

Fernando Suárez engadiu que “esto logrouse por fin despois dun traballo durante máis de dous anos entre Costas e o Concello, co esforzo de todos: do responsable de Costas na provincia, do xefe territorial da Consellería de Cultura e agora dos meus compañeiros do BNG no Congreso, porque para o Concello de Ribadeo é francamente importante desbloquear un proxecto moi ambicioso”.

Exit mobile version