RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asistiu en Vegadeo a un encontro da xunta directiva da Asociación de Concellos da Reserva da Biosfera. Alí analizaron os 2 millóns de euros previstos nos presupostos xerais do Estado de 2010 para investir nesta zona. Suárez Barcia explicou que “hai certa unanimidade, xa que todos vemos a necesidade de destinar parte desa partida ás novas tecnoloxías da comunicación, por exemplo da banda larga xa que en moitos puntos é moi difícil recibir a súa sinal. Ribadeo a pesares de ser o máis urbano de todos os concellos desta reserva da biosfera conta con zonas de sombra en varias parroquias onde os veciños non poden ter adsl”.
O rexedor de Ribadeo contou que “quedamos en contactar cunha empresa asturiana e cunha galega para analizar as súas propostas e levalas á xuntanza que teremos en Madrid o vindeiro 7 de xaneiro co Subdirector General de Desarrollo Rural”. Fernando Suárez plantexou “outras liñas de actuación en materia medioambiental como pequenos saneamentos e depuradoras e a posibilidade de estender a compostaxe familiar a máis zonas e concellos desta reserva. Algúns xa o fixemos de xeito experimental e resultou moi ben”.
O alcalde asegurou que “o que nos quedou claro é que debemos funcionar coma un lobby de presión ante os gobernos do Principado, da Xunta e do Estado, porque hai moitas cousas que podemos facer todos xuntos”.