Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela anuncia unha campaña informativa para mellorar a reciclaxe nos fogares

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asegura que a vila nunca estivo tan limpa como agora e anuncia unha campaña informativa para mellorar a reciclaxe nos fogares. O rexedor explicou que “onte repartimos un bando no que lembramos aos propietarios de cans e outras mascotas á súa responsabilidade na atención á limpeza e a súa obriga de recoller os residuos que van deixando polas rúas. Esperemos que dea os seus frutos e que vaiamos rematando con este problema”.

Llano ven de anunciar que “en poucos días enviaremos información para mentalizar aos veciños da importancia que ten a reciclaxe, para que separen correctamente o lixo que se produce nos fogares, o orgánico, o vidro e o cartón. Tamén distribuiremos bolsas de diferentes cores indicativas dos lugares nos que debemos depositar ese lixo”.

O alcalde lembra que “desde que nós entramos no goberno municipal fixemos moitas cousas para mellorar a limpeza de Burela. Unha delas foi a gratuidade do punto limpo para levar voluminosos, os veciños só teñen que chamar ao teléfono de Celta Prix e durante dous días poden depositar os seus residuos. Eso veu beneficiar moitísimo que non houbera outros vertedoiros incontrolados e que Burela estivera máis limpa. Foi unha boa iniciativa, segundo nos comentan os veciños, e é tamén un servizo moi empregado”.

Alfredo Llano segue a relatar que “tamén fixemos unha recollida selectiva de cartón, co que os comercios non tiveron tantos problemas á hora de depositar ese material, xa que con só unha chamada pasan a recollelo polas propias tendas. A limpeza de rúas foi moi comentada e estálle a dar unha sensación de frescura ao pobo moi boa. Ainda que sea obxecto de críticas pola oposición, cada tres ou catro meses dámoslles unha limpeza a fondo ás rúas e beirarrúas de Burela, e tamén puxemos unha limpiadora máis polas tardes para que todo estea nun estado perfecto. Igualmente colocamos contedores de vidro e de papel para mellorar a recollida selectiva”.

Llano amósase sorprendido e estranado polas críticas da oposición neste sentido, “aí aparecía hai uns días unha foto que é dunha entrada dun garaxe, é algo interno ou interior  que nada ten que ver coa rúa e vénse a decir que se limpa mal e pouco. E o máis irresponsable é comentar que nós non lle pagamos a Celta Prix, creo que xa se trata de querer chamar a atención por calquera cousa sin ter pés nin cabeza.  Hai que decir que ainda nós temos que afrontar unha serie de obras que están pendentes de pagar e que ascenden a máis de 250.000 euros. Foi algo que se puido facer no seu momento cando había máis solvencia nos Concellos e todavía nos quedou a nós esa carga pendente. Hai unhas débedas que xa se verán nos vindeiros días, xa saberemos porqué razón se produciron”.

O rexedor de Burela apela “a que teñan máis responsabilidade antes de facer este tipo de comentarios e que fagan unha oposición clara e que nos motiven a facer cousas mellores por Burela e que se poñan as pilas para acompañarnos no traballo de beneficiar aos veciños en todo aquelo que se poida”.

Exit mobile version