Site icon Crónica3.com A Mariña

O 99,2 por cen das praias galegas son aptas para o baño segundo un informe da Dirección Xeral de Saúde Pública

SANTIAGO .- O 99,2 por cen das praias marítimas e fluviais galegas son aptas para o baño, segundo reflexa o informe final do Programa de Vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño de Galicia durante o 2009 da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación.

REFERENCIA

O 99,2% das praias marítimas e fluviais galegas son aptas para o baño segundo o Programa de vixilancia Sanitaria da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación

Durante o 2009 observouse un aumento na actividade e na calidade das augas de baño con respecto da tempada anterior

A Consellería de Sanidade propón a revisión da nova directiva europea, pois depende moito da variabilidade e penaliza as zonas de baño que melloran a calidade da auga durante varios anos

Volver Imprimir Enviar

Santiago, 20 de decembro de 2009.- A Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación ven de publicar o informe final do Programa de vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño de Galicia durante o 2009. Dun total de 493 zonas de baño (440 marítimas e 53 continentais) repartidas por 108 concellos, o 99,2% foi cualificado como apto para o baño.

Ademais, o 68,9% obtivo cualificación sanitaria de moi boa calidade, o 30,4% de boa calidade, e soamente en tres ocasións, o 0,6% as augas foron cualificadas como non aptas para o baño.

O Programa realizou medicións este ano nun censo con 514 puntos de mostraxe. Por provincias, dos 354 puntos de mostraxe de zonas que obtiveron a máxima cualificación, 184 son da provincia de A Coruña, 37 de Lugo, catro da de Ourense, e 130 de Pontevedra. Outras 156 foron cualificadas como boas, 52 na provincia de A Coruña, 24 para as de Lugo, 14 para Ourense, e 65 para os de Pontevedra. As tres que non reúnen as condicións sanitarias óptimas son de A Coruña, Lugo e Ourense.

Ao comparar os resultados esta temporada cos da pasada, obsérvase un lixeiro aumento na actividade e na calidade das augas de baño pois no 2008 había 512 puntos de mostraxe de 491 zonas de baño, e na tempada 2009 aumentáronse estes número en dous puntos de mostraxe e dúas zonas de baño polo que a actividade aumentou coa vixilancia de dous zonas de baño máis. Tamén se reflicte un lixeiro aumento das zonas de baño que obtiveron a cualificación máxima de “moi boa”.

Programa galego de vixilancia
O Programa Galego de Vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación dende mediados dos anos 80, recolle un total de nove mostras de cada zona dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro. Os datos de cualificación microbiolóxica obtidos son remitidos ás administracións locais coa fin de que informen aos seus usuarios e adopten, se os resultados o indican necesario, as medidas oportunas.

Decláranse zonas de baño habilitadas aquelas que, previa solicitude dos concellos, a Consellería de Sanidade comproba que cumpren os requisitos. As marítimas son aquelas ribeiras do mar e das rías, formadas por areais ou pedregais, cunha superficie case plana e vexetación nula ou escasa. Pola súa banda, denomínanse zonas de baño continentais a aqueles lugares de augas doces superficiais, correntes ou encoradas.

As augas de baño, unha vez analizadas, poden obter tres cualificacións. Cualificación 2 (apta de moi boa calidade,) que é a máxima. A continuación ven a cualificación 1 (apta de boa calidade), e, por último, 0 (non apta para o baño).

Revisión da nova directiva europea
A Consellería de Sanidade proporá á administración xeral do estado, aproveitando a presidencia española de turno da Unión Europea, a inclusión en axenda dunha posible revisión da nova directiva –que entrou en vigor no 2008- e que será de aplicación no 2011.

Esta directiva Europea establece un sistema de cálculo que ten en conta os resultados das catro últimas tempadas para a determinación da cualificación sanitaria das augas de baño. Para a Consellería de Sanidade este sistema de cualificación está moi influenciado pola variabilidade e penaliza as zonas de baño que melloran a calidade da auga ao longo do período; xa que ao contabilizar cada catro anos, non valora as melloras nese intervalo.

Así, por exemplo, este ano en Galicia tres das zonas de baño coa cualificación máis alta de moi boa, terían cualificación de insuficiente segundo a nova directiva xa que estas zonas tiveran problemas de contaminación durante o pasado ano. Detectar eses problemas de contaminación durante o 2008 permitiu ao concello tomar medidas que resultaron nunha considerable mellora da calidade da auga; pero este feito non queda reflectido coa cualificación sanitaria da nova normativa, que penalizaría á zona de baño pasados catro anos.

Esta situación xa foi exposta polo representante da Consellería de Sanidade na Ponencia de Sanidade Ambiental do Ministerio de Sanidade e Política Social onde se fixo a solicitude de que o sistema fora revisado pola Comisión Europea, tal e como fixeron outros estados membros que tamén queren a revisión destes criterios.

Exit mobile version