LUGO .- A Consellería de Medio Rural ven de adxudicar traballos de repoboación e de aplicación de tratamentos silvícolas a desenvolver en distintos montes da provincia, actuando sobre un total de 1.350 hectáreas dedicadas á produción de madeira.
Estas actuacións agrúpanse en trece contratos que supoñen un investimento de 2.065.242 euros, son de carácter bianual e teñen por obxecto potenciar a actividade forestal como alternativa económica puxante para o progreso da provincia.
Neste sentido, a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, subliñou que “o fin último do programa de ordenación de explotacións forestais é crear riqueza, non só porque incrementan a calidade e o valor da madeira que se produce, senón tamén porque activan o mantemento de preto de 200 postos de traballo a través de distintas empresas vencelladas a Lugo e, deste xeito, contribúen a fixar poboación no medio rural”.
A delegada destacou tamén “o valor medioambiental do programa, xa que en varios dos casos se actúa sobre zonas degradadas para convertelas en espazos produtivos, coidados e atractivos, como sempre foron os nosos bosques”.
Algúns destes traballos darán comezo de xeito inmediato, especialmente os de repoboación, que por motivos de crecemento da planta deben realizarse preferentemente no outono ou na primavera. A repoboación realizarase fundamentalmente con piñeiros, aínda que en zonas de val tamén se plantan distintas especies de frondosas, como castiñeiros e carballos.
As tarefas de repoboación afectarán a 370 hectáreas de montes en distintos concellos. En total serán seis programas de repoboación que se desenvolverán do seguinte xeito:
Ubicación dos montes | Superficie (hectáreas) |
Concellos de Lugo e Friol | 90,59 |
Concello de Folgoso do Courel | 28 |
Concellos de Castro de Rei, Pastoriza e Pol | 52,08 |
Concellos de Castroverde, O Corgo, Guntín, Monterroso e Portomarín | 77,06 |
Concellos de Begonte, Guitiriz e Xermade | 49,52 |
Concellos de Baralla e Navia de Suarna | 72,5 |
Pola súa banda, os tratamentos silvícolas consistirán basicamente en tarefas de poda e desbroce que perseguen, por un lado, a mellora da calidade da madeira e a súa valorización no mercado, e por outro, anular potenciais riscos para a aparición e a extensión dos incendios forestais. Os traballos levaranse a cabo ao longo dos dous vindeiros anos, se ben está previsto que as actuacións estén rematadas a mediados do ano 2010.
Os tratamentos aplicaranse en 980 hectáreas de monte pertencentes a 19 concellos da provincia. En resumo, trátase de sete actuacións diferenciadas:
Ubicación | Superficie afectada (hectáreas) |
Concellos de O Incio, Samos e Sarria | 145,7 |
Concello de Friol | 97,48 |
Concellos de Baralla, Becerreá e Navia de Suarna | 206,45 |
Concellos de Castro de Rei, Meira, Pastoriza e Pol | 129,77 |
Concellos de Guntín e Portomarín | 134,27 |
Concellos de baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz | 162,54 |
Concellos de O Corgo, O Páramo e Castroverde | 104,25 |