Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 300 persoas participan esta semana no programa Km0 da Deputación

LUGO .- A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a un grupo da Asociación Ribas de Sil e a outro da Asociación Cultural e de Veciños de San Xoán do Campo, dentro de Km0. En total 309 persoas participan esta semana nas seis rutas do programa medioambiental que promove o organismo provincial.

No primeiro caso, trátase dun grupo de 48 persoas, de 10 a 18 anos, que visitaron o Centro de Artesanía e Deseño e o Concello de Monterroso. No municipio da Comarca da Ulloa coñeceron o Pazo da Laxe, fixeron a ruta de sendeirismo da Peneda e visitaron a igrexa de Bidouredo e a de San Lourenzo de Pedraza. O 55 veciños de San Xoán do Campo, con idades comprendidas entre os 13 e o 80 anos, desprazáronse á Mariña logo de visitar a oleiría de Bonxe. No municipio cervense redescubriron a fábrica de Sargadelos, o Real Padroado e fixeron o paseo dos Namorados.

O mércores, 55 membros, de 60 a 82 anos, da Asociación de Veciños do Barrio da Estación “Ponte da Chanca” percorrerán as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño e visitarán o Barrio Xudío de Monforte de Lemos e o colexio de Santa María a Antiga. Ese mesmo día, 55 integrantes, de 20 a 70 anos, da Asociación de Apicultores de Lugo elexirán a ruta “Mosteiro de Samos”. O itinerario inclúe unha visita á Capela do Ciprés e un paseo polo río Oribio, ademais dun percorrido polo Mosteiro. Tamén coñecerán o Mazo de Santa Comba.

Polo que se refire ó xoves, 48 membros da Asociación de Mulleres Rurais de Begonte, con idades comprendidas entre os 50 ós 80 anos, decantaranse polo Courel, onde coñecerán os Castros de Vilar e de Torre, así como a aldea de Seceda. Ademais, visitarán o Centro de Interpretación do río Miño. Asimesmo, integrantes da Asociación de Veciños Santa Eulalia de Santalla de Riotorto, de 18 a 95 anos, desprazaranse ata o Pionerdo, onde visitarán as Pallozas e o pobo de Donís. Dentro dos centros dependentes do organismo provincial, o elexido será o Mazo de Santa Comba.

Exit mobile version