CERVO .- O delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, participou este sábado na inauguración da exposición “Ás portas de Rinlo” do artista Fernando F. Páez quen tamén estivo presente no acto. A mostra, composta dunha escolma de 12 imaxes, pretende amosar a beleza do vernáculo e da paisaxe histórica reclamando actuacións que respecten a memoria e manteñan viva a identidade local dos núcleos máis tradicionais do país. Unha proxección audiovisual e a edición dun catálogo no que se inclúen 50 imaxes deste autor completan a oferta divulgativa dunha exposición fotográfica que permanecerá no Museo do Mar ata o vindeiro 10 de xaneiro.
De xeito informal, Antonio Veiga lembrou que foron os propios veciños desta aldea de Ribadeo quen colaboraron neste proxecto artístico desenvolto pola iniciativa cidadá “A prol de Rinlo BIC” que persegue a difusión, defensa e conservación dos valores patrimoniais deste lugar e tamén a súa declaración como Ben de Interese Cultural na categoría de “Lugar Etonográfico”. Tanto Veiga coma Páez coincidiron en resaltar o interese e a disposición dos veciños de Rinlo a participar activamente neste proxecto expositivo. Como agradecemento a esta colaboración, o nacionalista visitou hai tan só uns días este lugar para entregarlles aos habitantes desta aldea un bo número de exemplares do catálogo desta mostra.De xeito directo ou indirecto, todos eles están presentes nas 50 imaxes que conforman este documento gráfico de gran interese para a Comarca da Mariña, asegurou o delegado da Área de Cultura da Deputación.
A través destas 12 instantáneas, o espectador é quen de afondar nun excelente rexistro etnográfico e arquitectónico da atmosfera e psicoloxía do pobo de Rinlo. Coa escolma que se presenta no Museo do Mar, o fotógrafo ofrécelle á sociedade a posibilidade de percibir doutro xeito as marcas que o paso do tempo deixa nas persoas e nos lugares da Comarca da Mariña. Alén disto, Antonio Veiga salientou que esta mostra reflicte o xeito de vida dos veciños dun lugar peculiar da costa lucense a través dos rostros dos seus mariñeiros, das súas mariscadoras, das súas casas ou das paisaxes que definen esta zona. Para o nacionalista, este proxecto expositivo é un exemplo máis do amplo e variado patrimonio cultural inmaterial que existen e Galiza e que “debemos preservar e potenciar” en favor da identidade cultural do propio país.
Ata hai tan só uns días a exposición “Ás portas de Rinlo” podía visitarse no Museo Provincial de Lugo. No mes de outubro, esta escolma de instantáneas permaneceu na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza, situada na Casa da Conga, acadando un gran número de visitas durante a súa estancia en Compostela. Dous meses antes esta mostra fotográfica estivo exposta no Forte de San Damián, por iniciativa da Concellería de Cultura de Ribadeo, sobrepasando as 1500 visitas nun prazo inferior aos 15 días.