LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este martes o Orzamento da Sociedade Urbanística Provincial para o ano 2010, e que ascende a 24.346.693 euros, e que foi aprobado polo Consello de Administración de SUPLUSA. Da cantidade total, nivelada en gastos e ingresos, a aportación da Deputación é de 3.181.500 –un 11% máis que en 2008-, a operación de crédito prevista é de 12.000.000 euros e o alleamento de investimentos reais de 9.165.193 euros. Con todo, Gómez Besteiro anunciou que o Presuposto consolidado no que figuran todas as contas englobladas –SUPLUSA, INLUDES, Fundación TIC e Deputación, aprobarase no Pleno deste mes, previsto para o día 29.
No caso do exercicio de 2008, o Orzamento ascendía a 17.713.784 euros e no 2009 aumentouse en 6.632.909. É dicir, incrementouse un 37,44% con respecto ó do ano pasado. “Este ano aumentamos o Presuposto e fixémolo de xeito eficaz dentro do noso obxectivo de colaborar cos Concellos da provincia e tendo en conta a merma dos ingresos de participación dos tributos do Estado, sen embargo aquí a Deputación non fai esa reducción, senón que a quere incrementar para que a Sociedade sexa un axente dinamizador da economía provincial”.
No Presuposto fixéronse reaxustes debido ás variacións nas liñas de actuación. A primeira e a máis importante: dotación de sistemas de equipamentos e dotacións sociais con retorno económico para os Concellos da provincia. Dentro do Orzamento, a este fin destínase unha partida que ascende a 12 millóns de euros, que se corresponde coa operación de crédito citada anteriormente.
“Ata o de agora, SUPLUSA destinábase fundamentalmente á creación de solo industrial, pero pouco a pouco fomos constatando que os Alcaldes demandaban servizos para favorecer o desenvolvemento municipal relacionados co saneamento e abastecemento de auga, recollida de lixo, enerxía ou dotacións sociais. En definitiva, calquera tipo de actividade que produza retorno económico e que sirva para actuar en determinados municipios”.
Segundo un estudo realizado pola Sociedade, aconséllase que sería axeitado levar a cabo sistemas de equipamentos e dotacións en 23 Concellos: Begonte, Castroverde, Folgoso do Courel, Fonsagrada, Guitiriz, Meira, Monterroso, Navia, As Nogais, Ourol, Palas de Rei, Paradela, Pantón, Pedrafita, Pobra de Brollón, Pol, Portomarín, Ribas de Sil, Riotorto, Saviñao, Sober, Taboada e Trabada. “Moitos destes xa están recibindo investimentos da Deputación polo canon hidroeléctrico e esta lista non está pechada, de xeito que se poderán facer actuacións noutros que non figuran no estudo, tendo en conta que isto tamén depende das disposicións dos Concellos. Estas actuacións serían naqueles que están sofrindo un maior despoboamenteo para contribuír a fixar poboación. Segundo esta relación, quedaría cuberta neste eido toda a provincia: zona norte, centro e sur”.
Zonas verdes da provincia
A Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) é a encargada, mediante encomenda de xestión, de levar a cabo os traballos de coidado e mantemento das áreas verdes xestionadas pola Deputación ó longo de toda a provincia, que en total suman unha superficie de 1.200.000 metros cadrados. En 2009 destináse a este fin 1.697.000 euros.
Na capital, atópanse 7 destas áreas, repartidas ó redor de toda a cidade, que dan lugar ó coñecido cinto verde de Lugo. Só neste Concello a superficie da que se encarga a Sociedade é de preto de 850.000 metros cadrados, e son as seguintes: sendeiros da estrada de Ombreiro e zonas de bosque propiedade da Deputación; zona das Saamasas; contorno do Pazo Provincial dos Deportes, escola taller e xardín de infancia; desembocadura do Río Fervedoira no Miño; parque periurbano do Río Fervedoira; zona de A Chanca, Portiño e Friás e o Parque de Paradai; zonas verdes de instalacións e edificios provinciais como a do Museo Provincial e do edificio que alberga o Fogar de Santa María e a Fundación TIC; Insua de Burneiros; e zona de Bosende, a parte que conecta o parque do Rato con Bosende.
As restantes zonas da provincia, que ocupan unha extensión de 350.000 metros cadrados, están situadas nos concellos de Friol, Quiroga, A Pastoriza, Meira, Navia de Suarna e O Incio. No Presuposto tamén se inclúe o Taller Mallo que SUPLUSA ten en Begonte, con 157.500 euros, e o mantemento dos barcos e embarcadoiros con 650.000 euros.
Solo industrial
Gómez Besteiro explicou que outro dos obxectivos dentro do Orzamento é seguir creando solo industrial para favorecer o asentamento de empresas na provincia e xerar riqueza para Lugo, favorecendo que o volumen de negocio se quede na nosa provincia. Na actualidade, a Sociedade Urbanística Provincial está a desenvolver distintas áreas industriais na provincia de Lugo, poñendo a disposición dos cidadáns solo urbano para uso industrial.
En total está a actuar en 31 Concellos que suman preto de 5 millóns de metros cadrados. Destes polígonos, os que están máis avanzados e practicamente rematados son os de Ourol, Baleira, Friol e Begonte. A maiores está Castroverde. Neste caso, o Concello está tramitando o proxecto de urbanización, polo que unha vez concluído este trámite, poderíase comezar a construírse a área industrial.
“É certo que en época de crise as demandas de solo industrial se reducen, non tanto polo interés dos empresarios, senón porque as condición de crédico se restrinxen. En todo caso, hai que estar previstos a que no horizonte de 2010 as condicións económicas melloren, e si que é bo que a Sociedade incorpore un compromiso máis forte por parte dos empresarios á hora da adquisición das propias parcelas. Seguiremos desenvolvendo solo industrial, pero tamén debemos incrementar a petición en firme desas parcelas por parte dos empresarios”, apuntou Besteiro.