Site icon Crónica3.com A Mariña

Educación premia por cuarto ano consecutivo o proxecto de innovación do IES Perdouro de Burela

BURELA .- O IES Perdouro de Burela foi premiado na convocatoria de proxectos de innovación didáctica realizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Trátase dunha iniciativa que busca fomentar o uso da lingua galega, tanto dentro coma fora das aulas, así como o coñecemento da realidade sociocultural de Galicia.
A esta convocatoria presentáronse 68 traballos, o triple que en pasadas edicións, dos que resultaron seleccionados once: sete con premios de 3.000 euros e catro con accésits de 1.000 euros (entre eles o conseguido polo IES Perdouro). O novo proxecto premiado, a desenvolver durante o curso 2009/10, leva por título Dinamización sociolingüística de Burela e suporá un complemento da iniciativa educativa posta en marcha hai xa catro anos, unha iniciativa que propiciou unha estreita colaboración do instituto co Concello de Burela así como con diversas entidades sociais como a Igrexa ou a S. D. Burela.
Dinamización sociolingüística de Burela está dirixido fundamentalmente a crear unha conciencia crítica e responsable nos máis novos, proporcionándolle recursos para melloraren a fluidez comunicativa nas dúas linguas oficiais da comunidade. Os novos materiais producidos poderán verse nas páxinas www.xunta.es/linguagalega e www.edu.xunta.es/portal.

Nova coordinadora
Nesta nova etapa, o proxecto de innovación do IES Perdouro estará coordinado pola profesora María José Andión Fontela, que substitúe a Cristina Loureiro, destinada a outro centro educativo.
María José Andión (Crecente – Pastoriza; 1978), licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, conta con experiencia na edición -ocupouse desta área en Edicións Lea de Santiago de Compostela- e na dinamización, dado que tamén traballou na Oficina de Relacións Exteriores que a Universidade de Santiago ten no Campus de Lugo.
Ademais de participar na organización do “Congreso Internacional de Lingüística – Léxico & Gramática” (Lugo; 2000), é autora de “Consideraciones sobre la convivencia castellano-gallego: tratamiento del fenómeno por parte de la prensa del s.XX”, texto que defendeu nas II Jornadas Monográficas de la Asociación de jóvenes investigadores de Historiografía e historia de la Lengua española: El contacto de lenguas” (Lugo; 2003)
Desde o ano 2006 é profesora de ensino secundario. Tras un breve período de docencia en centros de Ourense e o Carballiño, conseguiu destino definitivo no IES Perdouro, onde dirixe o departamento de Lingua e Castelá e Literatura.

Exit mobile version